PLAY-DOC CELEBRA O SEU DÉCIMO ANIVERSARIO A SEMANA VINDEIRA

27 / 03 / 2014

Play-Doc Festival Internacional de Documentais de Tui, que se celebrará do 2 ao 6 de abril, presentouse esta mañá en rolda de prensa no Teatro Municipal de Tui, sede do certame, que cumpre nesta edición o seu décimo aniversario. O director de AGADIC Jacobo Sutil, o alcalde de Tui Moisés Rodríguez, e a súa concelleira de Cultura Vanesa Rodríguez; acompañaron aos directores desta cita, Sara García e Ángel Sánchez, na presentación. “Estamos nun momento de crecemento e proxección interesantes, con moitas ganas de seguir aprendendo e ao mesmo tempo deixando atrás unha etapa, concluíndo un ciclo”, indicou García, quen explicou que para conmemorar os dez anos, haberá unha sección especial con títulos que marcaron a trayectoria do Play-Doc. Filmes de homenaxeados doutras edicións, como Artavazd Pelechian, Ross McElwee, Bogdan Dziworski ou Albert Maysles, entre outros.

En 2014, o convidado especial será o mexicano Nicolás Pereda, un dos máximos valores do seu país, un cineasta que se move entre a ficción e o documental para palpar a realidade de México coa súa cámara. Play-Doc dedícalle unha retrospectiva completa, estreando en España os seus filmes máis recentes, Matar extraños e El palacio. A este ciclo súmase unha sección oficial con seis títulos, “todos eles con elementos etnográficos comúns, aínda que con moi diversas e interesantes aproximacións”, indica García. “Ante todo, trátase de procurar os filmes máis interesantes da tempada”, di a directora, que tamén recordou que todas as películas chegan avaladas por boas críticas e premios en festivais internacionais.

A estas dúas pedras angulares do festival, súmanse outras iniciativas xa habituais no Play-Doc, como son a sección dedicada a repasar os documentais galegos máis relevantes do pasado ano, ou Play-Doc Live! “Alma do festival”, como a definiu Ángel Sánchez, intenta establecer diálogo entre o cinema e a música, mostrando documentais con esta temática, e ofrecendo un concerto para animar a noite do sábado 5 de abril. Este ano, Novedades Carminha presenta o seu esperado disco Juventud infinita, un álbum que xa está a colleitar moi boas críticas nas súas primeiras semanas de vida, e a obter entusiastas comentarios por parte do público. Acompañaranos no concerto Sequin e Malandrómeda para ir abrindo boca. E, na sala de cine, un conxunto de filmes musicais, entre eles o que trata a vida de The Doors, When You’re Strange, narrado polo popular actor Johnny Depp.

Sánchez quixo recordar, a este respecto, que o documental pode verse en Play-Doc TV, plataforma de televisión por cable dispoñible na compañía R, na que se programan varios contidos do festival e outros complementarios, co mesmo espírito dos do certame. O director de Play-Doc confesou que, “nun contexto económico complicado, onde cada ano custa máis sacar o festival adiante, ir sumando valores coma este pode ser unha das bases da nosa continuidade”.

Entre estes valores, atópanse varias actividades paralelas que arrincan este ano en Play-Doc, con vocación de continuidade. Unha delas é un Laboratorio de Apuntes Fílmicos, dende o que reflexionar sobre conceptos concretos en cada edición, convidando a varios directores galegos a que filmen pezas en torno a eles. Desta volta, o concepto é a “transformación”, e sobre el traballan Eloy Enciso, Marcos Nine, Otto Roca e Ángel Santos. Ademais, a revista especializada A Cuarta Parede pon en marcha un seminario para formar a novos críticos, e presenta o seu libro Jugar con la memoria. El cine portugués en el siglo XXI, acompañando isto con tres sesións de cinema luso.

Completan as actividades paralelas do festival unha clase maxistral de Nicolás Pereda, na que falará sobre as características do seu particular selo autoral; e un debate en torno á distribución de filmes galegos fóra dos circuítos comerciais, moderado polo programador do CGAI José Manuel Sande.

Categoría: Novas
Etiquetas: