PLAY-DOC VIAXA DO NEPAL A TEXAS NA SÚA SECCIÓN OFICIAL

13 / 03 / 2014

Play-Doc Festival Internacional de Documentais de Tui, que se celebrará do 2 ao 6 de abril, programa nesta edición seis títulos na súa sección oficial, todos eles cun amplo percorrido e recoñecemento en festivais internacionais. As historias destas películas percorren boa parte do globo terráqueo, dende a próxima (mais exótica alén das nosas fronteiras) Costa da Morte a templos nepalís, granxas de Texas, ou o rural de Filipinas. Esta diversidade levará tamén aos espectadores á fronteira entre Brasil e Arxentina, e descubrirá a tradición ancestral da tribo Iaka/Mbendiele no interior do Congo. Todos estes filmes competirán polo premio que outorga o xurado internacional, composto nesta ocasión por Fernando Vílchez, xefe de programación do festival Lima Independiente; Antonio Weinrichter, profesor especializado en documental e cinema non narrativo da Universidade Carlos III; máis Jara Yáñez, redactora da prestixiosa revista especializada Caimán Cuadernos de Cine.

Mantendo a liña de apoio ao cinema galego máis rompedor, Play-Doc elixiu desta volta Costa da Morte, do vigués Lois Patiño, para competir na sección oficial. O realizador é un habitual do certame, que xa pasou en dúas ocasións anteriores as súas curtas paisaxísticas. A longa que presenta agora é a consecución lóxica desa traxectoria pictórica, á que engade elementos etnográficos e míticos nesta galardoada cinta: premio ao director emerxente en Locarno, mención especial en Valdivia, mellor película no FICUNAM de México… E segue sumando. Sen dúbida, este ano, Patiño está a ser o embaixador da paisaxe e cultura galegas entre os cinéfilos de todo o mundo.

Algo semellante podería dicirse de Roberto Minervini. Italiano de nacemento e educación, leva porén moitos anos vivindo nos EUA, onde rodou o seu último filme, Stop the Pounding Heart. Cunha curta mais intensa carreira, que inclúe tamén os títulos The Passage e Low Tide, Minervini perfílase coma un dos directores italianos novos máis interesantes do seu país. Neste último filme, segue o día a día de Sara, unha adolescente que se cría nunha familia de granxeiros de Texas, moi tradicional. A película ficcionaliza ese ambiente real, traballando con actores non profesionais, que se interpretan a si mesmos. É unha estratexia similar á que segue o homenaxeado desta edición, Nicolás Pereda, que en Minervini adquire dimensións de western etnográfico. Adxectivos similares foron utilizados para definir Sweetgrass, que en 2010 se alzara co premio á mellor longa no Play-Doc. O prestixioso Harvard Sensory Ethnography Lab estaba detrás desta proposta, como tantas outras (Leviathan ou Foreign Parts, entre elas), que estiveron a revolucionar o eido do documental etnográfico no último lustro. Agora é a quenda de Manakamana, na que Stephanie Spray e Pacho Vélez nos mostran as viaxes en teleférico a e dende o templo hinduísta do título, situado no Nepal. O filme semella levar o mesmo percorrido fulgurante que outros do laboratorio estadounidense, dende a obtención do Leopardo de Ouro en Locarno o pasado verán.

Unha traxectoria, novos valores

Na aposta polos novos valores, Play-Doc programa varias primeiras ou segundas obras de autores emerxentes de todo o mundo. É o caso da sueca Linda Vastrik nesta edición. Logo dunha dilatada experiencia como directora de fotografía e guionista, asina con Forest of the Dancing Spirits a súa primeira longa. Un proxecto no que se deixa notar ese percorrido previo, rodado de xeito preciosista e cunha voz en off poética, que conta as tradicións centenarias da tribo Iaka/Mbendiele no Congo. O pano relixioso de fondo desta historia, centrada en atrapar o cotián deste pobo, achega unha dimensión mística a este completo relato, situando o filme entre a tradición fantástica de Jacques Tourneur e a etnográfica de Jean Rouch.

Na liña de recuperación de materiais de arquivo que marcou parte da traxectoria de Play-Doc, con nomes como Jay Rosenblatt, Peter Tscherkassky ou Xurxo Chirro; o festival selecciona este ano Anak Araw, da promesa filipina Gym Lumbera, director de fotografía doutros membros dunha nova xeración de cineastas, que están a rachar moldes no país asiático. Entre eles, John Torres ou Sherad Anthony Sanchez. Os seus filmes destacan precisamente polo lado estético, responsabilidade de Lumbera. En Anak Araw, o realizador toma imaxes en branco e negro de noticiarios e arquivos para construír, a través delas, unha reflexión en torno á construción da linguaxe e o colonialismo norteamericano a través da lingua en Filipinas.

Por último, completa a sección oficial Ricardo Bär, outra historia que se move entre a ficción e o documental, ao xeito de Nicolás Pereda, gran convidado desta edición. Nesta película, Nele Wohlatz e Gerardo Naumann seguen os pasos do rapaz de 22 anos do título, na súa procura por se converter en pastor protestante. A cinta segue o seu día a día, nunha colonia alemana na fronteira entre Brasil e Arxentina. Unha historia centrada, desta volta, na construción dunha identidade propia, difusa para Ricardo, perdido entre un conxunto de filiacións, como as coordenadas xeográficas que definen o lugar, fronteirizas.

Categoría: Novas
Etiquetas: