Bárbara Iglesias é de Arcade (Pontevedra) e ten 21 anos. A pesar de vivir a máis de 1.700 quilómetros da pista de bobsleigh máis cercana, conseguiu ser a primeira piloto española en competir neste deporte. Grazas ao seu esforzo e constancia, Bárbara converteuse tamén este ano na protagonista dun documental que reflicte a súa loita por converterse en olímpica.
“El tiempo futuro” é un documental de Y la nave va, dirixido por Xoan Escudero e producido por Sika Lamas e Analía G. Alonso. Ao longo dos últimos meses o equipo acompañou a Bárbara e ao resto da selección nacional nos diferentes campeonatos que se celebraron nas pistas de Igls (Austria), Winterberg, Altenberg e Königssee (Alemaña), e noutras localizacións en Francia e Galiza, concretamente en Arcade, Vigo, Santiago e Caldas de Reis.
No proxecto participan personalidades destacadas dos deportes de xeo como o bobsleigh e o esqueleton. Entre eles, Ander Mirambel, olímpico español en esqueleton, Kaillie Humphries, dobre campiona olímpica de bobsleigh, Oxana Tatchina, pioneira do bobsleigh en Rusia e actualmente adestradora do equipo nacional español, e Javier Piquero, adestrador do equipo nacional de bobsleigh.
Campaña de crowdfunding
Para poder pechar o documental é necesario unha viaxe máis e uns días de gravación en Galiza. Para facer fronte a estes gastos e ao proceso de montaxe que está a piques de comezar, o equipo puxo en marcha unha campaña de crowdfunding en Verkami.
No enlace http://vkm.is/eltiempofuturo , as persoas interesadas poden facer as súas aportacións e converterse así en mecenas do proxecto. As colaboracións poden ser dende 10 euros, recibindo como recompensa un visionado online do documental unha vez rematado, ata cifras máis elevadas e variadas. En función da aportación os colaboradores aparecerán nos créditos, recibirán copias do documental en DVD, asistirán a pases especiais ou poderán cear co equipo e os seus protagonistas no día da estrea da película.
O crowdfunding ou micromecenazgo é un sistema de cooperación que permite a calquer creador de proxectos reunir unha suma de cartos a través das aportacións de moitas persoas. A cambio da súa participación no proxecto, os cofinanciadores reciben recompensas non monetarias que poden ser dende agradecementos personalizados na web do creador ata a precompra de produtos ou servicios.
O bobsleigh
O bobsleigh, coñecido tamén como a Fórmula 1 do xeo, é un deporte minoritario neste país que consiste en lanzarse por un tubo de xeo nun trineo alcanzando velocidades de ata 140 km/h.
A pesar de varios intentos ao longo da historia, nunca se chegou a establecer unha tradición en España e só a película “Nacidos para el triunfo”, sobre a aventura do equipo xamaicano na Olimpiada de Calgary, levou esta disciplina casi descoñecida ao gran público.
Actualmente, a pesar da falta de medios e encabezados por Javier Piquero, estanse facendo grandes esforzos para poder colocar nas probas do Campionato de Europa dous trineos: un masculino pilotado por Hector Abelleira e o outro por Bárbara Iglesias, acompañada por Noemí Perez Corral e Cristina Ibaseta, segundo a proba do calendario.
ENLACE DA CAMPAÑA DE CROWDFUNDING: