O Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI) desenvolverá un total de 55 proxeccións dentro da súa nova programación bimensual, que arrinca hoxe cunha sesión dobre de ‘De jueves a domingo’, da chilena Dominga Sotomayor. Esta é unha das 13 fitas da sección Fóra de Serie, que abre esta carteleira xunto cun especial arredor do cómico Jerry Lewis. Baixo o título ‘O método da loucura de Jerry Lewis’, este ciclo celébrase na sede coruñesa do CGAI desde mañá mércores 8 e ata o venres 24 de xaneiro, recuperando para o público galego sete títulos dirixidos e/ou protagonizados polo lendario humorista de Nova Jersey: os seus filmes ‘El terror de las chicas’ (día 16), ‘El profesor chiflado’ (día 23) e ‘Las joyas de la familia’ (día 24) máis as películas ‘Artistas y modelos’ (día 8), ‘Tú, Kimi y yo’ (día 9), ‘Yo soy el padre y la madre’ (día 10) e ‘¿Qué me importa el dinero?’, que interpretou baixo a dirección de Frank Tashlin. O programa complétase co documental ‘Method to the Madness of Jerry Lewis’ (día 14), do realizador Gregg Barson.
Visita de Cavestany
Pola súa banda, o ciclo Fóra de Serie, dedicado a proxectar en Galicia destacadas estreas do panorama internacional recente e habitualmente afastado dos circuítos máis comerciais, continuará o día 15 con ‘Camille Claudel 1915’ de Bruno Dumont. Ademais, o director Juan Cavestany visitará a sede da filmoteca galega o martes 21 de xaneiro para presentar ‘Gente en sitios’, o seu último traballo. O filme volverá proxectarase ao día seguinte, nunha sesión que tamén incluirá outros dous títulos do cineasta madrileño: ‘El señor’ e ‘Dispongo de barcos’.
Fóra de Serie estenderase a febreiro con outros agardados títulos, entre os que se atopan ‘Historia de la meva mort’ de Albert Serra (4 de febreiro), ‘The Master’ de Paul Thomas Anderson (día 6), ‘Tú y yo’ de Bernardo Bertolucci (día 12), ‘El último de los injustos’ de Claude Lanzmann (días 13 e 14), ‘El futuro’ de Luis López Carrasco (día 19) e ‘Arboles’ do colectivo Los Hijos (día 20). Tamén se recuperan para esta sección o clásico ‘El río’ de Jean Renoir, do que se exhibe unha copia nova en formato dixital o 5 de febreiro, mailo filme de Raoul Ruíz ‘Nucingen Hotel’ (día 7).
Produción galega
Dentro de Off Galicia, sección dedicada á máis recente produción audiovisual galega para a que se adoita contar con presentacións a cargo dos directores programados, esta carteleira bimensual inclúe a exhibición de catro títulos –os documentais ‘Los incríbles’ de David Valero (11 de xaneiro) e ‘Asolagados’ de David Vázquez (8 de febreiro) e as curtas ‘Poza’ de Rubén Domínguez e ‘Octo-Polbo’ de Laura de Juan (1 de febreiro)–, xunto cunha selección de curtas dos festivais Ficnova (18 de xaneiro) e Por Amor al Arte (15 de febreiro).
O CGAI pechará o mes de xaneiro co ciclo ‘Mentres tanto… en prazas e rúas’, comisariado por Josetxo Cerdán e Gonzalo de Pedro. As catro sesións que terán lugar do 28 ao 31 deste mes recompilan traballos de Sylvain George, Jean-Gabriel Périot, Los Hijos, Lluis Escartín, Isaki Lacuesta ou Carlos Serrano Azcon para propor un diálogo crítico co espectador arredor das novas formas de protesta social e os seus correspondentes novos modelos de representación.
En canto ao mes de febreiro, destacan tamén os ciclos dedicados a dous autores enmarcados dentro do cinema experimental: o norteamericano Stan Brakhage, con dúas sesións arredor da súa primeira etapa (día 20) e da triloxía ‘The Pittsburgh Documents’ (día 21) e a sueca Gunvor Nelson, que centrará a programación do 25 ao 28 do mes que vén.
Novo circuíto de cine independente
Esta carteleira complétase con ‘Museum Hours’ de Jem Cohen (4 de febreiro) e ‘I used to be Darker’ de Matthew Porterfield (18 de febreiro), títulos cos que se inaugura un novo circuíto de cinema independente do que o CGAI forma parte xunto con outras catro salas de exhibición de centros culturais públicos: Tabakalera (Donostia), MUSAC (León), Centro Cultural Niemeyer (Avilés) e Filmoteca de Culturarts-IVAC (Valencia).
Como é habitual, na programación cinematográfica da filmoteca galega tamén hai lugar para os espectadores máis novos a través do ciclo CGAI Júnior, que desta volta presenta ‘Selkirk, el verdadero Robinson Crusoe’ de Walter Tournier (25 de xaneiro) e ‘Había unha vez un corvo e un pardal’ (22 de febreiro).