AS DEZ PELÍCULAS DA SELECCIÓN OFICIAL DO 18OUFF

11 / 11 / 2013

O 18 Festival de Cine Internacional de Ourense presenta a lista das 10 películas que competirán polas Calpurnias na súa decimo oitava edición. Dez películas provintes doutros tantos países diferentes e ao mando, na maioría dos casos, de directores que se enfrontan á longametraxe por primeira vez nas súas carreiras. Algunhas delas, ademais, xa veñen co galardón de mellor película ou premio especial do xurado -nos festivais de Shanghai, LA Indie, Ludwigshafen, Amiens, Roma ou JeonJu- baixo o brazo.

En canto á temática, a selección do 18OUFF percorre case todos os rexistros, dende os dramas -intimistas, como en Paradis Perdu ou El Rayo, sociais como en Agnus Dei, persoais como en Mulberry Stains– ás comedias, de ton máis ácedo no caso de Kohlhaas… ou máis histriónicas se falamos de Acá adentro-. Pero se hai algo que destaca en todas as películas da selección oficial do 18OUFF é certa denuncia social e crítica á realidade dos nosos tempos: ben pola soidade (Offline), ben pola inxustiza (Pizzas), ben pola indiferenza cara aos esquecidos (Innocents).

Por países, o 18OUFF pon en xogo dúas películas españolas, El triste olor de la carne e El Rayo -coproducida con Portugal-. O resto da selección é un mosaico de países entre os que atopamos certos clásicos desta competición como Alemaña, Estados Unidos, Arxentina, Francia (países que protagonizan ano tras ano a maior chegada de películas durante o período de recepción) ou, en menor medida, Bélxica (país que xa recibiu considerables premios nos últimos anos), e agradables sorpresas coma as de Singapur, Kosovo ou Letonia.

Velaquí a relación das películas seleccionadas.

ACÁ ADENTRO | Mateo Bendesky | Arxentina, 2013

David ten 25 anos. Non está no seu mellor momento económico, nin creativo, nin sentimental. Dedícase ao cine e cando lle piden o adianto dun guión non parece moi predisposto a escribir unhas liñas. Os seus pensamentos flúen dunha maneira obsesiva: o seu monólogo interno chéganos a través da súa voz en off.

AGNUS DEI | Agim Sopi | Kosovo, 2012

Peter, que vive unha vida arriscada en Serbia, vese obrigado a ir á guerra do seu Kosovo natal. Por efecto do azar, mata ao seu pai Dini, albanés, a quen nunca tivo a oportunidade de coñecer, e deserta do exército fuxindo con Maria, filla do asasinado. Xuntos escapan ás montañas e namoran sen saber que son irmáns.

EL RAYO | Fran Araújo-Ernesto de Nova | España-Portugal, 2013

Logo de 13 anos en España, Hassan xa non atopa traballo, así que decide emprender a viaxe de volta a casa. Inviste todos os seus aforros nun tractor de segunda man para gañarse a vida no seu país e lévao a Marrocos conducindo. Cando chegou a España non tiña nada, agora regresa coa súa única posesión: o Rayo.

EL TRISTE OLOR DE LA CARNE | Cristóbal Arteaga | España, 2013

Alfredo Barrera semella un tipo normal. Semella que ten traballo. Semella ter un fogar. Semella vivir feliz… Aínda que as cousas non sempre son o que parecen. En realidade perdeu o seu traballo hai meses e, en noventa minutos máis, vai perder a súa casa. Pero Alfredo ten un plan, e vaino executar custe o que custe.

INNOCENTS | Chen-Hsi Wong | Singapur, 2012

Na tempada de monzóns, unha estudante transferida a unha nova escola faise amiga dun neno marxinado, Huat. Incomprendidos e acosados, pasan as tardes nos sumidoiros xigantes que hai detrás da súa escola, forxando un mundo fráxil da fantasía. Pero segundo se intensifican as choivas, as circunstancias tórnanse tráxicas. 

KOHLHAAS OU A PROPORCIONALIDADE DOS MEDIOS
Aron Lehmann | Alemaña, 2012

Na campiña bávara ródase o drama histórico “Michael Kohlhaas”. O seu director, un tal Lehmann, loita pola súa película a pesar de que todos os fondos se cancelaran tras o primeiro día de rodaxe. Lehmann apela á imaxinación  e ao entusiasmo do seu equipo.

MULBERRY STAINS | JT Villalobos | Estados Unidos, 2012

Harper Breaux pasou os seus últimos dez anos fuxindo coa súa nova filla. Sen diñeiro e ninguén a quen acudir, non ten máis remedio que volver á pequena cidade de Texas que esperaba non volver pisar nunca. Perde rapidamente o control da súa vida cando os segredos de infancia néganse a seguir soterrados.

OFFLINE | Peter Monsaert | Bélxica, 2012

Despois de sete anos no cárcere, Rudy Vandekerckhove propúxose dous obxectivos claros: atopar un novo traballo como reparador de lavadoras e reconciliarse coa filla que deixara atrás. Malia a axuda dos seus bos amigos, os seus plans fracasan. Todo cambia cando unha conversa de chat descobre algo sorprendente.

PARADIS PERDU | Eve Deboise |Francia, 2012

Lucie, unha adolescente introvertida, vive co seu pai Hugo illada nun viveiro de árbores no sur de Francia. A partida da nai de Lucie, un ano antes, fortaleceu a relación entre pai e filla, reconfortante e perigoso… Porque un día a nai regresa e acaba provocando os ciumes e a ira de Hugo.

PIZZAS |Laila Pakalnina |Letonia, 2012

Oskars e Matiss, ao redor dos 18 anos, traballan como pizzeiros. É un traballo temporal para eles, que teñen grandes plans de futuro; por exemplo, estudar en Oxford. Pero as súas vidas poranse patas para arriba nunha noite. O máis probable é que sexan acusados do secuestro dun neno.


Categoría: Novas
Etiquetas: