PROXECCIÓNS NO CGAI DO (S8) MOSTRA DE CINEMA PERIFÉRICO

4 / 06 / 2013

O Centro Galego de Artes da Imaxe ofrece unha semana de programación en colaboración con (S8) 4ª Mostra de Cinema Periférico, festival radicado en A Coruña e especializado na exploración do cine de vangarda mundial a partir de mañá martes (20.30 horas). Tres dos centros de programación do (S)8 neste ano terán cabida no CGAI: o programa O descoñecido: cine, percepción e estados alterados. Ben Rivers e Ben Russell, comisariado por Garbiñe Ortega, que nos traerá a dous dos cineastas actuais clave, Ben Rivers e Ben Russell; un especial consagrado a Arxentina con varios títulos símbolo da iconoclastia estética; a consagración dun novo valor, o cineasta galego Lois Patiño.  

“O (S8) vai xa pola súa cuarta edición, consolidándose como unha cita única dentro do noso país, non só pola súa aposta estética (e ética), senón como modelo de supervivencia baseada no entusiasmo e no rigor. Comezando unha nova e necesaria vía de exploración das vangardas mundiais pasadas e presentes, este ano a Mostra dedica unha edición especial a Arxentina, grazas á feliz e esperada confluencia que é a continuación e ampliación dunha das obras experimentais máis epifánicas e especiais que o Super 8 viu xamais: a de Claudio Caldini, quen desde os anos 70 pon en práctica unha visión absolutamente persoal e arrebatadora do cine. Anos despois, unha nova xeración continúa os seus pasos con parecido afán de descubrimento e personalidade propia: Pablo Mazzolo, Pablo Marín e Sergio Subero. Ademais desta ponte, a programación da Mostra tende outras á cinematografía arxentina: desde unha exploración da historia agochada das súas vangardas (con obras de autores como Narcisa Hirsch ou Jorge Honik), ata unha viaxe polo legado do cine amateur dos filmes preservados pola colección ARCA (Archivo Regional de Cine Amateur). Para pecharmos este círculo, o CGAI volve participar como unha das súas sedes levando ao seu programa parte da programación do (S8). Fernando Martín Peña e Fabio Manes (Espacio de Recuperación y Conservación del Cine Nacional Argentino) traen unha mostra breve pero significativa que abre con pezas recuperadas de cine mudo, pasando polo cine da idade de ouro nos anos 50, para pechar lembrando  unha figura clave como é Leonardo Favio coa súa ópera prima Crónica de un niño sólo, considerada a mellor película do cine arxentino.
Outro camiño vén de volta desde Arxentina a Galicia: a presenza este ano no Bafici da obra intensa e paisaxística de Lois Patiño. E, para continuarmos coa exploración de camiños experimentais e espirituais, (S8) e o CGAI co-organizan O descoñecido: cine, percepción e estados alterados. Ben Rivers e Ben Russell, ciclo que fai converxer a obra de dous dos cineastas do momento, Ben Rivers e Ben Russell, no contexto desa inmersión no primixenio perseguida polas vangardas”.
Elena Duque, (S8).

Categoría: Novas
Etiquetas: