JAIME CHÁVARRI, BEN RUSSELL E BEN RIVERS E O NOVO FESTIVAL ANTOFADOCS DE CHILE COMPLETAN A PROGRAMACIÓN DO S8

21 / 05 / 2013

O (S8) viaxa a Londres para encontrarse cun dos maiores coleccionistas “anónimos” de películas do mundo. Ümit Mesut, un apaixonado do celuloide, acumula na súa tenda da rúa Lower Clapton Road miles de filmes, tomavistas, proxectores, coleccionables.

A súa filosofía tan simple como utópica é simple: “O celuloide está feito de prata, o DVD… de óxido”. A súa arriscada aventura comezou hai máis de 30 anos, dende entón comprou todo o que puido dando forma a un arquivo que, a cabalo entre unha auténtica filmoteca e un museo, é fonte de inspiración para os cinéfilos.

Fronte á súa porta collen forma ideas para futuros proxectos, colaboracións como a que o une a SinFinCinema, plataforma de promoción do cine español situada na capital londiniense, ou unha itinerancia do celuloide xunto ao novo cineasta Liam Saint Pierre, na que proxectan películas en formato orixinal como Tiburón, Nuevo Cinema Paradiso, Scarface ou El Exorcista.

 

JAIME CHÁVARRI INÉDITO.

O (S8) 4ª Mostra de Cinema Periférico da Coruña terá o orgullo de ser a cita que estree ante o gran público os primeiros traballos realizados por Jaime Chávarri en 8 mm e Super 8. O cineasta español é un dos máximos expoñentes da vangarda española dos anos da transición, colaborador de Zulueta, e pioneiro no seu modo de contar historias no Madrid da pre e post-movida, visitará a cidade de Coruña para presentar a súa Ópera Prima. Dous traballos que no seu día só se puideron visionar en cineclubes, proxeccións particulares e por aqueles que tiveron a sorte de que estas copias únicas pasasen polas súas mans. Grazas a estas sesións, moitas delas na súa propia casa, Chávarri achegaríase a Elías Querejeta, produtor anos máis tarde a súa obra máis prolífica: a espléndida e punzante El Desencanto (1976), A un dios desconocido (1977) e Dedicatoria (1980).

Run, Blancanieves, Run (1967) e Ginebra en los infernos (1970) son a primeira aproximación de Chávarri á longametraxe, ás técnicas de desenvolvemento de guión, as interioridades da produción e os mitos artísticos. Sendo escola antes da escola (oficial, a E.O.C.) e durante ela (e ao tempo que exercía como crítico na revista Film Ideal) estas obras condensan o tolo entusiasmo polo cine do mozo Chávarri, rodadas en fins de semana, sen diñeiro e coa presenza insubstituíble (e inspiradora) de Mercedes Juste. Dúas xoias ocultas que o (S8) rescata do cofre do tesouro do cine, en consonancia cun labor de recuperación que se leva a cabo dende a primeira edición. E que, en estreita colaboración con Filmoteca Española, ofrecerá o público como oportunidade única de descubrir a obra inédita dun cineasta fundamental do noso cine. Coruña contará coa presenza de Jaime Chávarri, un realizador que descubriu o cine grazas a un regalo de aniversario, un tomavistas de Super 8, estreado nunha cazaría Real nos anos 50, e que máis tarde se convertería nunha das pedras sobre as que se sostivo, e aínda se sostén, a cinematografía española.

O DESCOÑECIDO: CINE, PERCEPCIÓN E ESTADOS ALTERADOS. BEN RIVERS E BEN RUSSELL REVISITADOS.

Este programa, confeccionado por Garbiñe Ortega (programadora e comisaria en San Francisco Cinematheque, Los Angeles Film Forum, La Casa Encendida, ARTIUM, ademais do (S8), entre outros), trae a Coruña a dous cineastas de recoñecido prestixio, Ben Rivers e Ben Russell, que ofrecerán ao público de La Mostra a oportunidade de vivir o cine como unha revelación. Antropólogos e namorados do celuloide e a experimentación espiritual do feito cinematográfico, Russell e Rivers acompañan os seus personaxes por ritos de pasaxe, viaxes, momentos de soidade. 

O lume, a natureza, a caveira humanista, a vida e a morte centran un cine que transcende o tempo e o espazo redefinindo o concepto de ubicuidade. As súas películas empurran os límites, rompen os patróns cos que se experimenta e entende o mundo, facéndonos percibir o ámbito dunha forma máis expandida. A coordinadora do ciclo, Garbiñe Ortega define o seu obxectivo: “Este ciclo é un convite para sentir e compartir ideas sobre intuición fílmica, percepción, sensibilidade, éxtase e todos os sentimentos sen nome que vivimos mentres facemos ou experimentamos unha película”.

O ciclo divídese en catro programas complementarios, que se repartirán entre o CGAI (Filmoteca Galega) e a Fundación Luis Seoane. O primeiro “Antes de que o mundo fora palabra” reflexiona sobre a linguaxe e as súas limitacións, os mitos, e a idea de como veriamos o mundo se nos achegásemos a el sen patróns preestablecer. O segundo programa, “Pechen os ollos e vexan”, propón ensanchar a consciencia e a capacidade de percepción para caer nun transo fílmico composto por obras de Ben Russell (Badlands, The Quarry, River Rites) e doutros cineastas como Stan Brakhage ou Marjorie Keller. O terceiro programa é unha filme-performance baixo o nome de “Expansión: Utopías do presente” que terá lugar no patio da Fundación Luis Seoane o 6 de xuño ás 22:30hrs. O ciclo concluirá nun cuarto programa, “Alma Colectiva”, no que Ben Rivers e Ben Russell conversarán co público e mostrarán parte dos seus traballos en construción.

 

DO DESERTO DE ATACAMA EN CHILE Á COSTA MÁIS ATLÁNTICA DE EUROPA, CHEGA ANTOFADOCS.

Se o ano pasado celebrabamos os 20 anos de Curtas Vila do Conde, este ano festexamos a existencia dun festival acabado de nacer ás portas do deserto de Atacama: Antofadocs, Festival Internacional de Documentales de Antofagasta (Chile). Empezando a súa andaina apenas en 2012, e comprometidos coas formas máis libres do cine de non ficción, Antofadocs cruza o charco para ofrecer unha mostra representativa do que foi a súa primeira (e prometedora) competencia, incluíndo a peza premiada (Sólo tú, yo y el asombro) e a mención de honra (En medio del invierno).

Esta mostra dunha interesante e rompedora iniciativa, ofrecerase ao público mediante proxeccións no colector que a iniciativa ARTE INCORUÑA cedeu ao (S8) e que permanecerá aberto ao público durante as datas do festival na zona de Los Cantones. Neste curioso, e ao mesmo tempo apropiado espazo (relacionado co transporte trasatlántico de mercadorías), La Mostra “importa” películas de novos realizadores chilenos como Magdalena Chacón, Katherina Harder, Christian Nawrath e Rodrigo Contreras. Sendo todos os títulos estreas en Galicia.


OBSERVATORIO. O (S8) ABRE UNHA VENTÁ A “A NOVA CRÍTICA CINEMATOGRÁFICA” 

Os críticos máis innovadores do panorama estatal achéganse a Coruña para presentar, debater e establecer as liñas mestras da “nova crítica cinematográfica”. Un modo de abordar os textos fílmicos dende a propia imaxe coa axuda duns soportes tecnolóxicos cada vez máis democratizados. Grandes coñecedores do cine contemporáneo mundial, expedicionarios no circuíto de festivais, aos “novos críticos” a linguaxe escrita quédaselles pequeno. Así, tomando, manipulando, ou reapropiándose daquilo que ve, o crítico exprésase na mesma linguaxe que aquilo que analiza. O desenvolvemento e o doado uso das ferramentas de ripeado e edición, así como as diferentes redes sociais e webs de distribución de vídeo como youtube ou vimeo facilitan a circulación (poñendo ao alcance do crítico practicamente toda a historia do cine) e a análise do cine. Como ben escribe a coordinadora do simposio Beli Martínez, Profesora na área de Comunicación Audiovisual na Universidade de Vigo e produtora cinematográfica de fitas como Vikingland e Arraianos (galardoadas internacionalmente), esta nova crítica achégase á concepción godardiana do cine: “un pensamento que forma/unha forma que pensa”.

Á súa vez, esta actividade trata de achegar a práctica crítica a outros axentes implicados do sector audiovisual, como poden ser produtores, programadores, realizadores e estudantes de áreas de comunicación ou outros campos como a literatura ou a historia.

Os participantes: Jordi Costa (El País, Fotogramas, Cultura/s La Vanguardia), Ricardo Adalia (Juventud en marcha, Rayo Verde, contrapicado.net, Desistfilm), Covadonga G. Lahera (Transit: Cine y otros desvíos, Contrapicado, Miradas de Cine, Blogs&docs) e Miguel H. Branco (Lumière, Transit: Cine y otros desvíos, Cineuá, A Cuarta Parede, Tempos Novos, Sensacine).

Categoría: Novas
Etiquetas: