ÚLTIMO CAPÍTULO DA TEMPADA DE “PADRE CASARES”

16 / 05 / 2013

Televisión de Galicia emitirá o vindeiro martes, 21 de maio, o último capítulo da tempada da serie “Padre Casares”. Titulado “Cando marcha un amigo”, o episodio emitirase en horario de máxima audiencia (22.20 horas). Xusto antes (22.00 horas), chegará á TVG unha nova entrega de “Louredo responde”, o programa no que os habitantes de Louredo atenden, en primeira persoa, ás preguntas dos espectadores da serie. Esta semana, preguntarémonos “Louredo é un Concello laico ou católico?”. “Padre Casares” despídese do “prime estafe” da TVG de Galicia ata o próximo outono.

Por fin, Miñato solucionou o seu problema coa mafia. Grazas á axuda dos seus veciños, o chapuzas chegou a un acordo co seu acredor e a débeda foi fraccionada en cómodos pagos. Pero don Crisanto saíu mal parado no seu enfrontamento co matón que acosaba ao seu veciño e, tras un desvanecemento, mantense semi inconsciente no hospital.

Amelia xa puxo en marcha o seu plan para lograr a incapacidade do ancián e obrigarlle a pasar polo quirófano. Un plan que pasa, inescusablemente, por atoparlle un titor legal a Don Crisanto. Decisión que recaerá nun xuíz.

E tendo en conta a falta xeneralizada de sentido común na vila, parece que a única persoa “dotada” para o exercicio de certas responsabilidades a ollos dun xuíz, é Delmiro. Pero, será boa idea poñer en mans do alcalde, bastión do ateísmo, a vontade do sacerdote?.

“Louredo responde”

Esta semana, no capítulo 93 de Louredo responde, descubriremos Louredo é un Concello laico ou católico?. Será a partir das 22.00 horas, xusto antes da emisión do capítulo semanal de Padre Casares.

Nova tempada

Coa emisión do capítulo 179, a serie Padre Casares despídese do prime estafe da Televisión de Galicia ata o próximo outono. A productora, Voz Audiovisual, traballa xa nos novos capítulos, que chegarán á televisión autonómica no último trimestre deste ano. Padre Casares é xa a serie máis lonxeva en emisión na TVG, desde a súa estreo en xaneiro do 2008.

Categoría: Novas
Etiquetas: