A EXPOSICIÓN “BARCELONA, A FACHADA DO CINEMA” CHEGA A SANTIAGO DE COMPOSTELA

14 / 05 / 2013

A exposición “Barcelona, a fachada do cinema”, formada por unha trintena de acuarelas de Josep Marfà, pertencentes á Colección Josep M. Queraltó, instalarase no Colexio Fonseca da Universidade de Santiago, do 23 de maio ao 30 de xuño, como resultado dun acordo entre a Fundación Aula de Cine, Acadèmia do Cinema Català e a Academia Galega do Audiovisual así como a colaboración da Universidade de Santiago.

As pinturas que se expoñerán enmárcanse dentro do impresionismo catalán e retratan as fachadas de cines de Barcelona de diferentes épocas, desde finais do século XVIII co Teatro Principal Palacio ata o Imax Port Vell construído en 1995. Entre os cadros seleccionados incluíronse os retratos de tres históricos barceloneses, o pioneiro Fructuós Gelabert (1874-1955), O dramaturgo, poeta e pintor Adrià Gual, (1872-1943) e o historiador e crítico Miquel Porter i Moix (1939-2004). A mostra complétase con tres pezas da colección de Queraltó, considerada unha das máis importantes privadas a nivel europeo. Son o cartel do Teatro Óptico de proxección de C. Émile Reynaud (1889), o terceiro proxector de Lumière (1902) e a cámara de Ricardo Baños (década de 1910).

A exposición que se fará en Santiago de Compostela incorporará algunhas novidades, entre elas, a presenza da cámara de filmar que utilizou Buster Keaton na película “The Cameraman”.

Categoría: Novas
Etiquetas: