JOSE MARIA IRISARRI FALARA NO MXA SOBRE O MODELO DE PRODUCIÓN EXECUTIVA EN TELEVISIÓN

18 / 04 / 2013

José María Irisarri estará o vindeiro mércores 24 de abril no Máster en Produción e Xestión Audiovisual (MPXA), título propio da Universidade da Coruña que desenvolve a Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre, para falar dos sistemas de produción e distribución como claves na nova oferta de contidos televisivos.

O expresidente de Vértice 360, fará unha análise do panorama económico no que está sumerxido o sector da produción televisiva e abordará aspectos como a búsqueda de novos mecanismos de financiamento para a produción, o asesoramento do espectador multitarefa e os novos hábitos de consumo e a segmentación das audiencias. Irisarri falará tamén dos efectos que producen os cambios tecnolóxicos no sector e de algúns dos novos formatos que están tendo éxito no mercado televisivo.

Irisarri traballou entre 1981 e 1984 no departamento de Análise de Contidos e Investigación de Audiencias de RTVE. Ademais, foi fundador e conselleiro delegado de Globo Media e Grupo Árbol e socio fundador e presidente da distribuidora e produtora Notro Films. Dende a integración de Notro Films en Vértice 360, Irisarri foi presidente executivo desta filial audiovisual do Grupo Avanzit, que integra Videoreport, Notro Films, Manga Films, Telespan e Grupo Telson. Actualmente dirixe a Consultora Onza Partners, que presta servizo de asesoramento a produtoras de televisión.

Categoría: Novas
Etiquetas: