O Centro Galego de Artes da Imaxe proxecta mañá martes día 22 de xaneiro (18.00 e 20.30 horas) un dos filmes máis singulares e aclamados do ano, Holy Motors (2012) do francés Leos Carax. HOLY MOTORS
(Francia-Alemaña, 2012)
Dirección e guión: Leos Carax. Produción: Pierre Grise Prodution e Pandora Filmproduktion. Fotografía: Yves Cape e Caroline Champetier. Intérpretes: Dennis Lavant, Edith Scob, Eva Mendes. Duración: 115 minutos.
Desde a mañá ata a noite, monsieur Óscar viaxa nunha limusina conducida por Céline a facer itinerarios de vida en vida. Exerce de alto executivo, de esmoleira, de asasino, de criatura monstruosa ou de pai de familia. Parece interpretar diversos papeis, pero onde están as cámaras? Quen é el realmente? Cal é o seu fogar e a súa identidade? Auténtica e radical revisión da historia do cine e da contemporaneidade, un dos sucesos recentes que permite, entre outros feitos notables, recuperar ao seu autor, Leos Carax, director de Boys Meets Girl (1984), Mauvais Sang (1986) e Los amantes del Pont-Neuf (1991). Aparicións de Michel Piccoli e Kylie Minogue nunha película presente na Sección Oficial do Festival de Cannes 2012, onde acadou o premio da Xuventude, ademais de ser multipremiada en Sitges.