MATALOBOS DESPÍDESE POLA PORTA GRANDE

16 / 01 / 2013

Logo de cinco tempadas en emisión, onte Matalobos dicía adeus. E non se podía haber ir de mellor forma: sendo, unha vez máis, a opción favorita dos galegos para a noite dos martes. Coa emisión do seu último capítulo, a produción de Voz Audiovisual impúxose a toda a oferta televisiva na súa franxa de emisión en Galicia, reunindo fronte ao televisor a 172.000 espectadores de media, o que se traduciu nunha cota de pantalla do 16.2%.

Matalobos logrou superar a Familia, líder da noite no resto de España, avantaxándoa en case 70.000 espectadores. A serie de Telecinco tivo que conformarse co segundo posto na lista de preferencias dos galegos logrando unha cota de pantalla do 9.8% e 105.000 espectadores. Tras ela situouse A Sexta coa emisión da serie americana Castle que anotaba un 9.5% e congregaba a 110.000 espectadores fronte ao televisor.

Os rexistros demostran, ademais, que os galegos estaban ansiosos por coñecer si finalmente Carmelo Matalobos saíase coa súa. Un martes máis, a audiencia demostrou ser fiel á serie, seguindo o capítulo de principio a fin e aumentando segundo pasaban os minutos.

O amplo seguemento ao capítulo notouse tamén nas redes sociais. Os perfís da serie en Facebook e en Twitter recibiron multitude de visitas e comentarios, chegando a ser nalgúns momentos da noite trending topic co hastag #matalobos.

Coa emisión do capítulo 87, Televisión de Galicia decidía poñer punto e final a unha das súas series máis exitosas. Matalobos chegaba en abril do 2009 á autonómica e pronto foron moitos os que a catalogaron de serie de culto. Durante estes case catro anos en emisión, a produción de Voz Audiovisual logrou desbancar a rivais como House, Gran Irmán, Gran Hotel ou Españois polo mundo.

 

Premios

Matalobos conta xa con oito premios da Academia Galega do Audiovisual, entre eles tres consecutivos á mellor serie do ano: 2009, 2010 e 2011; e o premio da Fundación Garda Civil (2009), pola súa fidelidade á hora de reproducir o labor da benemérita na loita contra o narcotráfico. Pero o éxito da produción de Voz Audiovisual traspasou fronteiras. O pasado mes de maio concedéronlle tamén o Prix Circom á Mellor Ficción Europea, o premio máis importante outorgado xamais a un programa da Televisión de Galicia.

Categoría: Novas
Etiquetas: