A Asociación Cultural Arela informa que desde onte, día 15 de xaneiro e ata o 15 de marzo está aberto o prazo de admisión de curtametraxes e videoclips galegos para participar na décima edición do Festival de Cans, que se celebrará do 22 ao 25 de maio na parroquia de Cans (O Porriño). O festival prevé entregar once premios: oito para curtametraxes, dous para videoclips e un premio honorífico, o premio Pedigree. Serán en total 6.200 euros en premios, ademais dos Cans de Pedra que recibirán os gañadores, as coñecidas estatuíñas realizadas polo artesán canteiro local Paco Candán.
A pesar do escenario de incerteza económica, o festival contempla manter as mesmas categorías de anos anteriores e a dotación económica dos premios. A organización considera que nun contexto pouco favorable para conseguir axudas e financiamento para as producións audiovisuais é máis necesario que nunca manter a dotación dos premios do festival. Cans busca que os seus galardóns sirvan de impulso para a difusión das obras e premien de forma xusta o traballo dos seus autores.
Curtametraxes
No que se refire ás curtametraxes hai dúas categorías a concurso: curtas de ficción e curtas de animación. Os premios do xurado en ambas categorías están dotados con 1.500 euros cada un, e con 1.000 euros en cada categoría os premios do público. O festival resérvase a posibilidade de cancelar ou agrupar categorías se non se xuntan curtas suficientes en cantidade e calidade. Entréganse ademais outros catro premios: mellor actriz (200 €), mellor actor (200 €) e mellor guión (200 €) segundo o xurado, ademais do premio especial do xurado dos veciños, escollido por un grupo de veciños e veciñas de Cans.
Para a súa participación no Festival de Cans, as curtametraxes deben estar feitas en Galicia, producidas por unha produtora galega ou dirixidas por directores/as galeg@s, e producidas nos anos 2011, 2012 ou 2013. A organización quere fomentar a estrea de curtas no festival, polo que se valorará especialmente a presentación de curtametraxes aínda non estreadas en Galicia nin en internet, aínda que este non é un requisito imprescindible. Ademais de curtas de ficción e de animación, acéptanse outros formatos (documentais, webseries…) para outras seccións fóra de concurso.
Videoclips
No que se refire aos videoclips, o certame estará aberto a aqueles de músic@s ou grupos galegos e aos dirixidos por realizadores/as galeg@s. Deben ser dos anos 2011, 2012 ou 2013. Neste apartado hai dous premios ao mellor videoclip: o que outorga o público e o que entrega o xurado. Cada un deles recibirá 300 euros, ademais do Can de Pedra.
Por último o Festival de Cans outorgará o honorífico Premio Pedigree a algunha persoa do audiovisual galego destacada pola súa traxectoria. Este recoñecemento recibírono en edicións anteriores Antonio Durán “Morris”, María Pujalte, Ernesto Chao, Xavier Villaverde, Chete Lera, Antón Reixa, Luis Tosar, Celso Bugallo e Mabel Rivera.
Envío das producións
Para participar no festival, é necesario enviar curtametraxes e videoclips antes do 15 de marzo ao seguinte enderezo:
Asociación Cultural Arela
Apartado de Correos 232
C.P. 36.400, O Porriño.
Para o envío das obras é necesario cubrir a ficha de inscrición que se pode atopar no apartado “Bases” da web www.festivaldecans.com e enviala xunto con dúas copias da obra en DVD e imaxes dixitais do cartel e dun fotograma. As curtas non poden exceder os 30 minutos de duración. Para calquera consulta pódese escribir ao email festival@festivaldecans.com.
Financiamento do festival
A Asociación Cultural Arela, baixo a dirección de Alfonso Pato está agora tratando de concretar as axudas que recibirá da administración galega, ademais de procurar novos apoios privados e abrir novas vías de financiamento. O festival quere agradecer a boa resposta de particulares e empresas á campaña iniciada para conseguir novos recursos para a organización dun evento que este ano chega á súa décima edición.