CONVOCADO O X FESTIVAL INTERNACIONAL DE CURTAMETRAXES CURTOCIRCUITO

18 / 12 / 2012

Ata o 10 de febreiro de 2013 está aberta a convocatoria para participar no X Festival Internacional de Curtametraxes Curtocircuito de Compostela, que se celebrará do 23 ao 28 de abril do vindeiro ano.

O X Festival Internacional de Curtametraxes de Santiago conta con catro apartados a concurso: Internacional (para curtas de calquera xénero, excepto documentais, de todas as nacionalidades), Compostelae (para curtas de calquera xénero, excepto documentais, de produción española), By Galicia (para curtas de calquera xénero producidos en Galicia), e Escolas Galegas (para curtas de calquera xénero producidas en centros de formación galegos). As modalidades non son excluíntes, de forma que un curta de produción española poderá competir tamén na sección internacional, si así o decide a organización. En todos os casos, as producións que se remitan deben ser concluídas con posterioridade ao 1 de xullo de 2011, e non poden exceder de 20 minutos, créditos incluídos. Ademais, as curtas non poden concorrer a anteriores edicións do certame. Cada autor poderá remitir cantos traballos desexe, independentemente da nacionalidade ou do idioma, sempre que cumpran estas premisas e non sexan de índole comercial ou publicitaria. A inscrición no festival deberá facerse on-line, a través da páxina web www.shortfilmdepot.com, completando os pasos que nela se indican. O envío da curta pode realizarse online, antes do 10 de febreiro de 2013, a través dun arquivo subido a dita web que non supere os 2 GB de tamaño, e que estea en formato Apple TV, cos subtítulos incrustados. A calidade debe ser a mellor posible, e non ha de conter ningún logotipo, manchas de auga, publicidade ou anuncio. Un comité de selección encargarase de escoller as películas que irán a concurso nas distintas seccións do festival e que se proxectarán durante o mesmo.

Das curtas finalistas haberán de remitirse as correspondentes copias de proxección, en mov ou mpeg 4 (códec H264), a resolución 1280×720, bitrate max 15000 kbps, audio AAC. Para as películas cuxos idiomas non sexan español ou galego, é preferible subtitular a copia de proxección nun deles. Si non, haberá de presentarse unha copia limpa. Tanto na sección Internacional como na sección Compostelae concederanse senllos premios ás mellores obras de ficción e de animación (xa que este ano, como dixemos, non se admiten documentais), dotados con 1.000 euros cada un. O mellor traballo de By Galicia recibirá outros 1.000 euros, e a mellor curta dunha escola galega, un obsequio. O xurado estará composto por profesionais do sector audiovisual de contrastable traxectoria. Ademais, concederanse o premio AGAG ao mellor guión, dotado con 200 euros; un premio do público, dotado con 1.000 euros; e o premio RTP2-Onda Curta, consistente na adquisición dos dereitos de varios curtos por parte da televisión portuguesa. Ademais, un xurado novo concederá senllas mencións especiais nas categorías a concurso Internacional, Compostelae, By Galicia e Escolas Galegas, sen dotación económica. Todos os curtos inscritos aos concursos poderán tamén participar, así mesmo, no Concurso Curtocircuito Na Rúa en agosto, competendo por un premio do público de 1.000 euros. Máis información pode obterse no e-mail info@curtocircuito.org, ou na web www.curtocircuito.org.

Categoría: Novas
Etiquetas: