O Centro Galego de Artes da Imaxe remata mañá martes día 4 de decembro (18.00 e 20.30 horas) o ciclo dedicado ao director portugués Joâo Canijo coa proxección de Noite Escura (2004).
João Canijo (Lisboa, 1958) explica sempre que pode que toda a súa obra tenta ser un reflexo da realidade social do Portugal do seu tempo sen necesidade de ter que amosar todo aquilo que marca e condiciona o lugar. Referíndose en ocasións ao seu último filme, Sangue do meu sangue (2011), premio FIPRESCI en San Sebastián, Canijo escolle momentos dos seus personaxes e do tempo en que viven, porque “para dar fe dunha realidade concreta non é necesario ensinar todo para que algo fique”. Así funciona a particular idiosincrasia deste realizador, formado como asistente de dirección e director de produción en títulos de Manoel de Oliveira (A caixa; O convento) ou Wim Wenders (El estado de las cosas) e Werner Schroeter (Der Rosenkönig) rodados en terras portuguesas. A súa primeira película, Três menos eu, bosquexa algúns dos aspectos fundamentais da súa posterior filmografía. No ámbito temático centra a atención nos diversos membros dunha mesma familia: vidas desmembradas unidas por un estilo cinematográfico que apela indistintamente á modernidade como ao clasicismo do melodrama e o folletín. En Sapatos pretos (1998) explora as diferenzas entre o campo e a cidade a partir dunha historia de vernices criminais baseada en feitos reais. Pola contra, as súas dúas películas seguintes describen con aberto ton naturalista os arrabaldes urbanos: con Ganhar a vida (2001), ambientada nos barrios baixos de París, volve ao núcleo familiar para amosar outra relación nai/fillo, e en Noite escura (2004) analiza os negocios da prostitución e as mafias rusas. Ambos e dous filmes teñen como coguionista a Pierre Hodgson, colaborador de Philippe Grandrieux en Sombre. Mal nascida e Sangue do meu sangue inciden na mesma liña, co melodrama como continente e a familia como contido. No terreo documental, Canijo realiza dous interesantes filmes. Fantasia lusitana é un traballo con material de arquivo que retrata un Portugal contraditorio durante a Segunda Guerra Mundial. Trabalho de actriz, trabalho de actor (2011) resulta algo máis que un complemento de Sangue do meu sangue, en absoluto un making off desta peza, senón un ensaio didáctico que permite ver como Canijo e os seus actores elaboran conxuntamente as características esenciais dos personaxes e da trama. O CGAI, en colaboración con Cineuropa, fixo unha escolma dos seus traballos.
NOITE ESCURA
(Portugal, 2004)
Dirección: João Canijo. Guión: Pierre Hodgson, Mayanna von Ledebur e Joâo Canijo. Produción: Paulo Branco para Madragoa Filmes e Gémini Films. Fotografía: Mário Castanheira. Intérpretes: Rita Blanco, Beatriz Batarda. Duración: 94 minutos.
Despois da súa experiencia francesa en Ganhar a vida, João Canijo regresa ao Portugal profundo. O clásico de Eurípides, Ifigenia en Áulide, é trasladado a unha “casa de alterne”, unha mestura de cabaret e prostíbulo. O dono do estabelecemento, o home da propietaria, vese forzado a saldar unha débeda coa mafia rusa –organización que no filme non só trafica con mozas do leste en Portugal, senón que tamén exporta mulleres portuguesas a España– e entrega a súa filla menor á escravitude e á prostitución. Sen denuncia nin lastre moral, Canijo crea unha atmosfera de ignorancia e sordidez como resposta imaxinativa á traxedia clásica, un limbo que anestesia os protagonistas contra a brutalidade e o horror. Unha catarse final engade complexidade ao asunto.