XAMALÚ FILMES FINALIZA A RODAXE DA LONGAMETRAXE O OURO DO TEMPO

13 / 11 / 2012

A pasada semana finalizou a rodaxe de “O ouro do tempo”, unha longametraxe escrita e dirixida polo ourensán Xavier Bermúdez e protagonizado por Ernesto Chao, Nerea Barros, Manuel Cortés e Marta Larralde. A rodaxe desta produción de Xamalú Filmes tivo a súa fase principal o pasado mes de agosto e agora, coa gravación das esceas exteriores de outono, chegou á súa fin. A estrea deste filme está prevista para o 2013. “O ouro do tempo” narra unha historia moi singular, inspirada nun feito real: a dun médico (Ernesto Chao) que a finais dos anos sesenta crioxeniza o cadáver da súa muller (Marta Larralde) á espera de que a ciencia poida devolvela á vida. Pero a película céntrase na actualidade, uns corenta anos despois desa decisión, no día a día do médico que, ó paso das estacións, continúa esa sorte de resistencia amorosa e moral, sen outro vínculo co mundo que a enfermeira que lle atende (Nerea Barros), as esporádicas visitas do seu fillo, tamén médico (Manuel Cortés), e o seu can León (Murdoch).

O compromiso absoluto cunha determinada idea do amor, cunha sorte de resistencia moral, pero tamén el brillo das pequeñas cousas, da xente, do paso das estacións e os días que todo o cuestiona conforman a médula do filme.
 

A película foi rodada en galego e integramente en Galicia, no municipio de Vedra (A Coruña) cun reparto cen por cento galego e un equipo técnico que, a excepción do director de fotografía, Alfonso Sanz, habitual nas películas de Xavier Bermúdez, está tamén composto integramente por técnicos de Galicia.
 
A produción recibiu unha axuda da AGADIC e está á espera da decisión da Televisión de Galicia para contar coa súa participación.

Categoría: Novas
Etiquetas: