XOSÉ MANUEL OLVEIRA “PICO”, RECIBE O PREMIO AUGUSTA NO BRAGACINE POR SINBAD

6 / 11 / 2012

Xosé Manuel Olveira “Pico”, recoñecido actor galego, ven de gañar o pasado luns 5 de novembro o premio Augusta ao Mellor Actor no Festival de Braga, Bragacine, polo seu papel protagonista na longametraxe do director Antón Dobao “Sinbad”.

A longametraxe “Sinbad, producido por Ficcion Producciones e Televisión de Galicia, foi seleccionada no Festival Internacional de Cinema Independente de Braga, Bragacine, ademáis de no Zoom, Festival Europeo de Cine para Televisión 2012, que terá lugar do 28 de novembro ao 2 de decembro.

En “Sinbad”, dirixida por Antón Dobao, podemos desfrutar de Aurelio, (interpretado por “Pico”), ainda que prefire que lle chamen Sinbad, coma o vello mariñeiro. Comparte os seus coñecementos fantásticos cos seus compañeiros diarios de café e dominó na taberna propiedade de Mansur, un home viúvo que ten ao seu cargo a Sara, a súa filla, de entre dez e trece anos coa que Sinbad mantén unha relación moi estreita e afectuosa.

Co mundo fantástico e luminoso de Sinbad contrasta a dureza e a escuridade do universo de Vanesa, unha rapaza de vinte e tantos anos que, tras ser despedida do taller téxtil no que traballa, instálase na vella casa da súa avoa, na vila onde vive Sinbad. A relación entre Sinbad e Vanesa atravesará dúas fases. A primeira, de antipatía; a segunda, de mutua afección. Sinbad conserva o seu mundo fantástico tamén grazas a outros personaxes que irán tecendo os seus fíos. Entre eles, Alba que representa o amor inalcanzable e puro, Aurora, vella amiga de Sinbad e avoa de Vanesa, Manolo e Primitivo.  Axudado por todos eles e por Aldán, un misterioso personaxe que chega a instalarse ao pobo, Sinbad será teimudo ata o final para alcanzar un obxectivo que ben valería unha vida enteira: emprender a viaxe definitiva cara as lexendarias Illas Cotovías.

Baseado no libro “Se o vello Sinbad volvese ás illas” do escritor Álvaro Cunqueiro, a súa rodaxe e estrea coincidiu co centenario do nacemento do autor, ademais do cincuenta aniversario da publicación da obra. Pertence, xunto con outros cinco telefilmes máis, ao proxecto “Un mundo de Historias”, que consiste en elaborar audiovisuais de ficción adaptando obras do campo literario gallego.

Xosé Manuel Olveira “Pico”. Actor de teatro desde 1972, ten participado en máis de trinta obras de numerosas compañías (grupo Ditea, CDG, etc). As catro primeiras produccións cinematográficas nas que participa están dirixidas por Chano Piñeiro, abranguendo unha curta, unha mediametraxe e dúas longas. Participa nunha vintena de filmes a partir de mediados dos 80 aínda que é máis coñecido pola súa faceta humorística en programas como “O veciño do xoves” ou teleseries como “Pratos combinados”, ambas da TVG. Tamén ten traballado en radio e en publicidade. Foi presidente da Academia Galega do Audiovisual desde 2009 ata 2011.

Premios e recoñecementos: Nos Premios Mestre Mateo 2008 da Academia Galega do Audiovisual recibiu o galardón de mellor interpretación masculina de reparto por Os mortos van ás présas. Por Retornos levou en 2011 o premio Mestre Mateo á mellor interpretación masculina de reparto.

Etiquetas: