O 17OUFF ADIANTA OS FILMES QUE ABRIRÁN E PECHARÁN O FESTIVAL

18 / 10 / 2012

O Festival de Cine Internacional de Ourense presenta un adianto da súa programación para o certame de 2012. Trátase das películas que abrirán e pecharán o 17OUFF, dúas producións estatais que se estrearán en Ourense antes de pasar polas salas comerciais. A honra de inaugurar o Festival corre da conta de Buscando a Eimish, ópera prima da directora Ana García Rosell e protagonizada por Manuela Vellés e Óscar Jaenada, entre outros, e que xa pasou por prestixiosos festivais internacionais coma os de Shangai, Londres ou Tolouse. Na clausura do 17OUFF proxectarase 12+1, una comedia metafísica, un filme coral dirixido por Chiqui Carabante que destila humor polos catro costados.

 

Buscando a Eimish

Película de apertura. Venres 2 de novembro, 21.00h, Auditorio.

España, 2012. Dirección e guión: Ana García Rosell. Reparto: Óscar Jaenada, Manuela Vellés, Jan Cornet, Emma Suárez. 85 min.
Sinopse: Lucas colle o primeiro tren cara ao pasado da súa moza para recuperala. Na viaxe, que o levará por Italia e Alemaña, descubrirá o destino e as enerxías invisibles que crean lazos entre as persoas.

 

12+1, unha comedia metafísica.

Película de clausura. Sábado 10 de novembro, 21.00h, Auditorio.

España, 2012. Dirección e Guión: Chiqui Carabante. Reparto: Gorka Zubeldia, Aránzazu Garrastazul, Fran Torres, Alex Peña, Carlos Álvarez. 93 min.
Sinopse: Uns tipos vagan polo deserto buscando algo. O que buscan só o sabe un, ao que chaman Mestre. Pero empezan a ter dúbidas se o que buscan é Deus ou a morte, ou se estas dúas cousas son a mesma…

 

Entrada para o público, a 2 €

Os dous filmes proxectaranse logo das galas de apertura e de clausura, o venres 2 e o sábado 10 respectivamente no Auditorio Municipal. A novidade para esta edición está no acceso a estes actos, que terá un custo de 2 €, un prezo que a organización considera simbólico e unha forma de colaborar co certame. As entradas poderán mercarse na Oficina do OUFF, na Oficina de Turismo (rúa Isabel a Católica) e no posto do OUFF no centro comercial Ponte Vella.

 

Categoría: Novas
Etiquetas: