AMAL ORGANIZA UN CICLO ITINERANTE DE CINE E CONCERTOS EN VARIAS CIDADES GALEGAS COMEZANDO POR VIGO

9 / 10 / 2012

O Festival Internacional de Cine Euroárabe Amal organizou un Ciclo itinerante de cine musical en varias cidades galegas, para difundir o cine e a música árabes por toda a nosa comunidade. Museos e Centros socioculturais de Vigo, A Coruña, Lugo, Ourense e Santiago de Compostela, acollerán a proxección de 4 documentais de temática musical que formaron parte do festival en anteriores edicións e que coseitaron un gran éxito de público. Tralas proxeccións, varios grupos musicais darán un pequeno concerto en diferentes salas de devanditas cidades.

O Ciclo Itinerante de Cine Amal Musical está organizado polo Festival Amal en colaboración co MACUF (A Coruña), o MARCO (Vigo), a Rede Museística de Lugo e o Centro Cultural Deputación de Ourense Marcos Valcárcel, así como coas salas de música en vivo de toda Galicia (Xancara Jazz, ou Contrabaixo, ou Garufa, O Jazz Filloa e o Baba Bar).

Durante todo o mes de outubro o público poderá asistir a proxeccións gratuítas de cine documental musical nos museos e a concertos nas salas colaboradoras, para gozar do cine e da música feita en Galicia e no mundo árabe durante catro semanas seguidas.

O MARCO de Vigo será o primeiro en exhibir as catro películas que conforman este ciclo itinerante, “Checkpoint rock”, “Festival in the desert”, “Next music station, Marruecos” e ”Bridging the gap”. As proxeccións serán ás 20,00 h da tarde ata o vindeiro venres 12 de Outubro. Ademais das películas, o xoves 11 haberá un concerto ás 00,00 h a cargo de “Alamanouche!” no Xancara Jazz e o venres 12, ás 23,00 h, actuará “Edy Zurdo&Spoonful of Blues” no Contrabajo.

O ciclo itinerante chegará a Santiago o día 15 de outubro e ata o 18. As sedes de emisión das películas serán o Hotel Araguaney e o Teatro Principal. O MACUF da Coruña contará con este ciclo e os seus concertos entre o 16 e o 19 de outubro. Lugo organizará o ciclo de cine musical do 25 ao 28 de outubro e Ourense do 30 de outubro ao 3 de novembro.

Poden consultar horarios en www.festivalamal.es

Categoría: Novas
Etiquetas: