A Academia Galega do Audiovisual, a Acadèmia del Cinema Català e o Centro Dramático Galego achegan ao público galego as seis fitas gañadoras da última edición dos Premios Gaudi, entre as que se atopan Un monstruo viene a verme, La propera pell, a animación Ozzy e o documental Alcaldessa
O Salón Teatro de Compostela acollerá a comezos da semana próxima as proxeccións das películas gañadoras na pasada edición dos Premios Gaudí, entre as que se atopan Un monstruo viene a verme, de J. A. Bayona, que acadou oito galardóns, e La propera pell (A próxima pel), que conseguiu o de mellor película, mellor guión e mellor protagonista feminina para Emma Suárez. O ciclo está organizado pola Academia Galega do Audiovisual, en colaboración coa Acadèmia del Cinema Català e co Centro Dramático Galego, e o acceso ás proxeccións é libre e gratuíto ata completar aforo.
As proxeccións comezarán o luns 23, ás 18h, coa curtametraxe Timecode. Seguirá, ás 20h, a longametraxe de animación Ozzy. O día seguinte, ás 18h, proxectarase Ebro, do berce á batalla e ás 20h, La propera pell. Pecharán o ciclo, o mércores 25, ás 18h Alcaldessa e ás 20h Un monstruo viene a verme.
Programa completo
Luns 23 de outubro
18h00 Timecode, de Juanjo Giménez (Mellor Curtametraxe). Luna e Diego son os gardas de seguridade do parking. Diego fai a quenda da noite e Lúa, de día. >>>
20h00 Ozzy, de Alberto Rodríguez, Nacho La Casa (Mellor Longametraxe de animación). A idílica vida de Ozzy, un simpático e pacífico beagle que medrou rodeado de todo tipo de comodidades xunto á familia Martin, cambia cando a súa familia o deixa no que pensan que é o mellor balneario para cans, Blue Creek. >>>
Martes 24 de outubro
18h00 Ebre, del bressol a la batalla / Ebro, do berce á batalla, de Roman Parrado (Mellor longametraxe para televisión). A través dunha historia ambientada na batalla do Ebro, o filme narra as causas e as consecuencias dun dos feitos históricos máis importantes da nosa Historia recente. Unha película necesaria para a memoria do país. >>>
20h00 La propera pell, de Isaki Lacuesta e Isa Campo (Mellor longametraxe en lingua catalana, mellor guión e mellor protagonista feminina, para Emma Suárez). Un adolescente desaparecido volve despois de oito anos, cando todos o daban por morto, e incorpórase á vida familiar marcada polo misterio da súa desaparición. Aos poucos, xurdirá a dúbida de se realmente se trata do neno desaparecido ou dun impostor. >>>
Mércores 25 de outubro
18h00 Alcaldessa, de Pau Faus (Mellor longametraxe documental). Desde os inicios da candidatura de Barcelona en Comu ata o día en que Ada Colau é investida alcaldesa, esta é crónica íntima -inclúe un vídeo-diario persoal da propia Colau- dun episodio que reúne dous argumentos universais: a consecución dunha vitoria histórica, paradigma dos cambios políticos do sur de Europa, e o combate interior dalguén que teme converterse naquilo que tantas veces cuestionara. >>>
20h00 Un monstruo viene a verme, de Juan Antonio Bayona (Mellor longametraxe en lingua non catalana, mellor dirección, mellor dirección de produción, mellor dirección artística, mellor montaxe, mellor fotografía, mellor son e mellores efectos visuais). Conor só ten doce anos, pero sabe perfectamente que á medianoite terá, outra vez, o “pesadelo cheo de escuridade, de vento e de berros” que o atenaza desde que a súa nai caeu enferma. Esta noite, porén, será diferente. >>>
Descargas: Cartaces | Fotogramas | Vídeos | Audios