ARRANCA O V FESTIVAL INTERNACIONAL DE CURTAMETRAXES DE BUEU, NO QUE COMPITEN 25 TRABALLOS DE 13 PAÍSES

31 / 08 / 2012

Do 3 ao 8 de setembro celebrarase o V Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu, FicBueu 2012, producido por Melodía Visual para o Concello desa localidade pontevedresa, co patrocinio da Fundación Novas, e coa colaboración de diversas empresas da comarca. 25 traballos de 13 países participan na súa sección oficial a concurso.

Concorreron ao FicBueu 2012, 482 curtametraxes de 47 países. Entre os 25 traballos escollidos, que proceden de 13 países, figuran seis españois: Aquel no era yo, de Esteban Crespo, El somriure amagat, de Ventura Durall, Ojos que no ven, de Natalia Mateo, Voice Over, de Martín Rosete, Anacos, de Xacio Baños, e Me llamo Rama, de Alber Ponte. Os dous últimos son galegos. Tamén foron elixidas tres curtas de Francia (Il était une fois l’huile, L’accordeur e Lá oú meurent les chiens), Irán (For Him, The Sound of the Rain e When We Pass By Each Other) e Polonia (Hanoi-Warszawa, The Kinematograph e Vanishing), e dúas de Alemaña (Der kleine und das biest e Suiker). Así mesmo, competirán sendas producións de Holanda (Spiegelingen), Noruega (Love), Italia (Uerra), Arxentina (Luminaris), Perú (Detrás del espejo), Estonia (Body Memory), Malasia (Guang) e Australia (Closing In). As obras escollidas proxectaranse do 3 ao 7 de setembro no Centro Social do Mar de Bueu, a razón de 5 curtas ao día. Este ano, debido á masiva afluencia de edicións anteriores, programaranse, segundo anunciou a organización, dous pases diarios, ás 20:00 e 22:00 horas.

O día 8, ás 21:30 horas, entregaranse os premios, que decidirá un xurado conformado polo cineasta arxentino Diego Sabanés, o realizador portugués Nuno Tudela, o director pontevedrés Mario Iglesias e a actriz e fotógrafa compostelá Ainoa Calvo, e proxectaranse as curtas gañadoras. Os traballos finalistas optarán a 15 premios, catro deles con dotación económica. En concreto, as dúas mellores curtas a xuízo do xurado recibirán 2.000 e 1.000 euros, respectivamente, e a mellor curta galega, 500 euros, o mesmo que a curta que gañe o premio do público. Todos estes galardóns van acompañados de trofeo. Ademais, concederanse diplomas nos apartados de mellor dirección, guión, actriz, actor, fotografía, dirección artística, vestiario, maquillaxe/perruquería, son, montaxe e música. Para a recepción dos catro premios principais, esixirase a asistencia dos gañadores á cerimonia de clausura, para o que se lles facilitará unha estancia gratuíta para esa noite. Como colofón, haberá unha festa de clausura con actuación en directo no Pub Aturuxo de Bueu. 

 

 

Categoría: Novas
Etiquetas: