A película Vilamor, de Ignacio Vilar, gañou dous premios no III New York City International Film Festival, que se celebrou do 10 ao 15 de agosto nesa cidade. Tamén foi premiada a actriz española Paula Román. Vilamor, a última película de Ignacio Vilar, producida por Vía Láctea Filmes, gañou dous premios no III New York City International Film Festival. Foron, en concreto, os galardóns á mellor fotografía, obra de Alberto Díaz Bertitxi, e á mellor banda sonora, composta por Zeltia Montes. Vilamor, que participou na sección oficial do certame estadounidense xunto a outros 23 títulos, está inspirada nunha comuna real que se instalou nos anos 70 nas montañas de Lugo, e a protagonizan Rubén Riós, Sabela Arán e Xoel Yáñez.
Vilamor ten por diante 90 presentacións pendentes en Galicia e distribuirase nos Estados Unidos e en Canadá. Por outro lado, no NYCIFF 2012 tamén foi galardoada unha actriz española: Paula Román. Foi polo seu papel na curta estadounidense Blackout, escrito por ela mesma e producido pola súa empresa Marcapasos Films, que conta a historia de Pepa Flores, unha perruqueira residente en Nova York que aspira a converterse en escritora de novelas de detectives. O traballo foi dirixido polo hispano-venezolano Francisco Lupini.