THE CHASE, DE RIZ OU D’ARMÉNIE, FUGA E O VENDEDOR DE FUME, PREMIADOS NO MUNDOS DIXITAIS 2012 DA CORUÑA

10 / 07 / 2012

O pasado sábado, 7 de xullo, concluíu Mundos Dixitais 2012, un encontro internacional centrado na animación, os efectos dixitais, os videoxogos e a arquitectura dixital que, desde o día 4, reuniu na Coruña a relevantes profesionais do sector, que gozaron dun programa intenso de conferencias, seminarios e proxeccións. No seu seo celebrouse un Festival de Animación que premiou ás mellores curtametraxes dixitais do xénero.

O festival seleccionara oito curtametraxes como finalistas: catro internacionais e catro nacionais. Un xurado formado por Marta Staniszewska (Platige Image), David Branco (Ou-tad), Víctor M. López (Vodka Capital) e Raúl Carbó (In Efecto), outorgou o premio á mellor curta do certame ao francés The Chase, de Philippe Gamer, e o seu premio especial a outro traballo galo: De Riz ou d’Arménie, de Hélène Marchal, Samy Barras, Romain Blondelle e Céline Seille. O premio á mellor curta nacional recaeu en Fuga, de Juan Antonio Espigares. Para rematar, o premio do público foi para outro traballo español: O vendedor de fume, de Jaime Mestre. Os galardóns entregáronse na gala de clausura, na que tamén se outorgou o Premio Especial de Mundos Dixitais 2012 ao pioneiro e gurú dixital Scott Ross, que traballou en ILM ou Digital Domain.

 

Categoría: Novas
Etiquetas: