O CGAI PROXECTA THE YELLOW SEA CON MOTIVO DA CELEBRACIÓN DE EXPOTAKU

25 / 05 / 2012

O Centro Galego de Artes da Imaxe proxecta hoxe venres 25 de maio (20.30 horas) o thriller surcoreano The yellow sea (2010) de Na Hong-Jin. A proxección está enmarcada na celebración de Expotaku, promotor da proxección, coa colaboración da publicación cinematográfica especializada A Cuarta Parede. Unha sesión que amosa a boa saúde do cine de xénero en Corea do Sur, coa proxección dun traballo enérxico e persoal. HWANGHAE / THE YELLOW SEA

(Corea do Sur, 2010)
Dirección e guión: Na Hong-Jin. Produción: Han Sung-goo para Wellmade Starm e Popcorn Films. Fotografía: Lee Sung-je. Intérpretes: Ha Jung-woo, Kim Yunk-seok. Duración: 157 minutos.
“O thriller surcoreano leva anos gozando de boa saúde dende a súa eclosión en 2003 con Memories of Murder e Old Boy. Na Hong-jin capitaneara un cambio de rumbo cara a unha estética máis dura e hostil con The Chaser (2008). A súa segunda longa, The Yellow Sea, confirma a Na coma un espléndido narrador da terceira vía, entre o cinema comercial e de autor, que sabe combinar o frenético ritmo dunha boa película de acción con inquietudes autorais que remiten ao neorrealismo italiano. Un home con débedas coa mafia vese obrigado a viaxar de Corea a China a través do mar Amarelo, para levar a cabo alí un asasinato co que lle perdoarán eses cartos. Todo se complica, desembocando nun frenesí de persecucións que non ten nada que envexar á gran maquinaria de Hollywood, só que aquí os paos doen” (Víctor Paz). Proxección promovida por Expotaku e coa colaboración da revista dixital A Cuarta Parede.

Categoría: Novas
Etiquetas: