O Centro Galego de Artes da Imaxe propón mañá sábado, día 31 de marzo, (ás 18.00 horas) un percorrido pola obra de Xacio Baño, autor galego que acaba de recibir unha mención pola súa curtametraxe Anacos no prestixioso Festival de Las Palmas. A sesión conta coa presenza do propio Xacio Baño, que terá un encontro co público. A entrada é gratuíta. QUENTEFRÍO
(España, 2009)
Dirección e guión: Xacio Baño. Produción: Rebordelos. Fotografía: Lucía C. Pan. Intérpretes: María Zaragoza, Miguel Cuba. Duración: 3 min.
Inicio da pentaloxía de curtametraxes dedicadas aos sentidos. Videocreación que parte de fotografias para contar a vida dunha muller que coñece un home. Fanse mozos, casan, son felices, teñen fillos, todo lles sorrí ata o momento en que o home cambia, saca a relucir a súa verdadeira personalidade e trata de someter a muller. Lonxe de apoiarse no maltrato coma tema principal, a peza fala das ilusións rotas, dos futuros incertos, da destrución dos plans, futuros comúns e soños, do fracaso.
RELACIÓN DE ACORDES
(España, 2009)
Dirección, guión e produción: Xacio Baño. Fotografía: Lucía C. Pan. Intérpretes: Xulio Abonjo, Isabel Naveira. Duración: 11 min.
Carlos e Ana coñécense unha noite nun bar. Gústanse. Quedan para unha primeira cita. De novo o efémero do amor na obra de Baño. O sentido ao que dedica a súa curta é desta volta o ouvido.
ESTEREOSCOPÍA
(España, 2011)
Dirección e guión: Xacio Baño. Produción: María Zaragoza e Xacio Baño. Fotografía: Lucía C. Pan. Intérpretes: Vicente de Souza, Alfonso Ramírez. Duración: 12 min.
Emilio vive só, refuxiado no anonimato dunha grande urbe. Un día ao ir traballar atropélano e perde a visión do ollo esquerdo. Os médicos transplántanlle o órgano doutra persoa e comeza a ver a vida do doador.
Adianto da curtametraxe ANACOS
(España, 2012)
Dirección e guión: Xacio Baño. Produción: Marvin&Wayne e Rebor de los X. Fotografía: Lucía C. Pan. Intérpretes: Mabel Rivera, Fernando Morán, Xosé Barato. Duración: 7 min (aproximadamente).
A vida dunha persoa pode ser tan simple e tan sinxela como a receita dun biscoito. “Anacos nace como evolución formal da miña anterior curtametraxe Estereoscopía. Unha evolución consciente, orientada á procura dun estilo de narración e estético propio. Intento reformularme os códigos, experimentar: Como espremer o fotograma para facelo máis narrativo e expresivo? A curtametraxe trata sobre a brevidade e sinxeleza da vida. Pódese resumir a existencia dunha persoa en dúas frases” (Xacio Baño).