O Salón Real do Concello da Coruña acolleu a presentación da gala dos XVI Premios María Casares de Teatro que, organizados pola Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG), terán lugar o vindeiro 3 de abril no Teatro Rosalía de Castro da cidade herculina.
A presentación contou coa presenza da concelleira de Cultura da Coruña, Ana María Fernández Gómez; o director da AGADIC, Juan Carlos F. Fasero; a vicepresidenta da Asociación de Actores e Actrices de Galicia, Casilda Alfaro; e máis o director da cerimonia de entrega, Jose Luis Prieto,
Ana María Fernández Gómez sinalou os aspectos xerais dos Premios e amosou, unha vez máis, o compromiso do Concello coa cultura e o teatro.
Juan Carlos F. Fasero lembrou o apoio que brinda AGADIC ás artes escénicas e o seu patrocinio da gala.
Casilda Alfaro agradeceu aos patrocinadores e colaboradores a súa implicación con esta festa do teatro.
Por último, Jose Luis Prieto avanzou algunhas das claves escollidas para esta edición do 2012.
As 13 categorías a concurso son: mellor maquillaxe, mellor vestiario, mellor iluminación, mellor música orixinal, mellor adaptación-tradución, mellor texto orixinal, mellor escenografía, mellor actriz secundaria, mellor actor secundario, mellor actriz protagonista, mellor actor protagonista, mellor dirección e mellor espectáculo. Un dos galardóns que se entregará xa é coñecido, trátase do Premio de Honra Marisa Soto que homenaxeará a traxectoria da Sala Nasa.
A Gala dos Premios María Casares 2012
A gala dos María Casares 2012, maxinada pola compañía Obras Públicas será, de seguro, “sorprendente, divertida e moi áxil”, segundo avanzou Jose Luis Prieto.
Sobre as ruínas do gran teatro de Galicia. A escenografía, atrezzo e vestiario utilizáronse previamente noutros espectáculos e espazos escénicos, dando lugar a unha posta en escena “ruinosa”. Unha estética de teatro abandonado pero imaxinativa é a aposta plástica na que se enmarcará a gala.
Apunta Suso Montero, director artístico da cita, que “haberá moitas sorpresas pero podemos adiantar que quitarémoslles o po a telóns antigos, do Teatro Jofre de Ferrol ou do Centro Dramático Galego, algúns levan enrolados 10, 15 ou 20 anos; e amosaremos as entrañas dos teatros, o que normalmente non se ve”.
Humor. Cinco intervencións teatrais cheas de humor, de cinco minutos cada unha a cargo de dous actores e unha actriz, máis unha canción final con tres artistas máis convidados, constitúen a parte artística intercalada entre os bloques de premios. As dúas partes (números artísticos e bloques de premios) avanzarán unidas por enlaces musicais efectuados por unha banda de tres músicos, para dar fluidez e continuidade á gala.
Homenaxe ao teatro e @s teatreir@s. As intervencións artísticas, a cargo da compañía Obras Públicas, estarán centradas nun universo puramente teatral, dende unha revisión humorística de Romeo e Xulieta, ata unha pelexa de espadas, pasando polo discurso da raíña de Galicia, unha tertulia sobre temas de actualidade e a historia do teatro universal contada en cinco minutos. (Posible record do mundo).
O elenco da gala fórmano César Goldi, Carlos Mosquera “Mos” e Iolanda Muiños; con Fernando Dacosta, Patricia Vázquez e Susana Dans como artistas convidados.
O director musical é Ramón Orencio e os músicos, Ramón Orencio, Checho Mosquera e Fran Facal. A dirección artística corresponde a Suso Montero. O rexedor e axudante de dirección é Afonso Castro; e a dirección é de Jose Prieto.
A produción executiva dos Premios María Casares é de Marta Horjales.