O Centro Galego de Artes da Imaxe en colaboración con Play-Doc, Festival Internacional de Documentais de Tui, homenaxea o cineasta armenio, mestre documentalista, Artavazd Pelechian, coa proxección en dous días (hose 27 e 28 de marzo) da súa persoal obra en solitario. A retrospectiva inclúe o traballo documental de Pietro Marcello, El silencio de Pelechian. ARTAVAZD PELECHIAN:
Cineasta armenio nado en 1938, dado a coñecer polo crítico francés Serge Daney a comezos dos anos 80, Artavazd Pelechian é autor dunha obra documental poética e única da que ofrecemos os seus traballos en solitario. Inactivo desde os anos 90, da importancia da súa condición artística ofrece Carlos Muguiro fragmentos ben elocuentes no texto “Pelechian ou a arte da fuga”, escrito expresamente para o certame Play-Doc de Tui, aproveitando a presenza do cineasta:
“As películas de Pelechian comezaron a verse fóra do perímetro de influencia soviética a partir de 1988, data da retrospectiva conxunta con Paradjanov que tivo lugar no festival de Ámsterdam. Ao ano seguinte chegaron a Nyon e á sección Panorama de Berlín. Unha fría noite de primavera, o director do festival proxectou para Jean-Luc Godard e Anne-Marie Miéville as copias un tanto clandestinas, “á maneira soviética”, que realizara das súas películas. A raíz daquela sesión, Godard fixou para a posteridade a idea de que o cine de Pelechian era “unha linguaxe anterior a Babel”, dando a entender que para descreber ao cineasta armenio só valían os tempos da xeoloxía ou o mito, non os ritmos dos homes nin, por suposto, da historia do cine. O seu cine traía a nova de algo tremendamente afastado (algo emocional, un sentimento) difícil de aprehender, incluso de descifrar […]
Pelechian irrompe na escena soviética a finais da década dos sesenta cun “como dicíamos onte…” que restaura as grandes figuracións da escola de montaxe soviética, especialmente de Vertov, pero cun alento paisaxístico que remite directamente a Dovzhenko e ao último Eisenstein. Con todo, a trascendencia da súa obra non se sustenta só na reconstrucción das pontes dinamitadas do cine ruso-soviético, senón no misterioso e fascinante engaste cos seus contemporáneos non soviéticos. O cineasta armenio incorpórase, sen o saber, á comunidade de iguais descoñecidos que nesa altura reflexionan sobre a fisicidade do cine, sobre o seu realismo in praesentia, sobre os seus valores rítmicos e sinestésicos. Pelechian traballa con distancia irónica a respecto da suposta verdade documental, proxecta unha segunda lectura sobre os materiais de arquivo, contempla a posibilidade da súa repetición e inversión á maneira estruturalista, propón unha reflexión sobre a poesía da ciencia e a antiutopía do progreso, rexenera a ollada á paisaxe… De todas estas estratexias abrochan vínculos insospeitados con cineastas aparentemente tan alleos como Michael Snow, Bruce Conner, Peter Kubelka ou Chris Marker. […] Pelechian entende que a natureza non monta en continuidade, nin sobre os principios de choque nin con intención ou efecto narrativo: a natureza é un constante adeus, unha despedida permanente na que cada plano, cada imaxe, cada instante se distancia do seguinte ata un encontro seguro pero indeterminado no futuro. Emerxe así a cosmo-poética de Pelechian, tal e como a chamou François Niney, resultado de entrelazar os ritmos da natureza e da historia, os dous polos míticos que vertebran a súa filmografía. […] O díptico co que se pecha (sempre provisionalmente) a súa filmografía responde precisamente a esta dobre grafía: liña e círculo sobre o plano. Konec /End é a liña; Vychod/Zin/Life, o círculo: os dous ritmos do mundo”.
Martes 27 de marzo (18.15 e 20.30 horas):
IL SILENZO DE PELESJAN / EL SILENCIO DE PELECHIAN
(Italia-Rusia, 2010)
Dirección e guión: Pietro Marcello. Produción: Kinesis Film, Zivago Media, L’Avventurosa Film, con RAI e VGIK. Duración: 52 min.
Documental sobre o cineasta armenio Artavazd Pelechian. Retrato construído con secuencias dos seus traballos e retallos da súa vida, unha aproximación a través de vibrante material de arquivo á particular poética e idiosincrasia do xa lendario creador. Un adecuado complemento á retrospectiva dos seus traballos.
VREMENA GODA / SEASONS / [AS ESTACIÓNS]
(URSS, 1975)
Dirección e guión: Artavazd Pelechian. Produción: Yerevan Film Studio. Fotografía: Mikhail Vartanov. Duración: 29 min.
O filme máis célebre e con maior reputación crítica de toda a obra de Pelechian. Unha ollada extraordinaria sobre as relacións harmoniosas e contraditorias entre os seres humanos e máis a natureza. “Non se trata das estacións do ano especificamente ou das etapas da vida do ser humano: trátase de todo. Un non debería esquecer quen é o protagonista nesta película. Non é o ser humano quen se impón ante a natureza, senón máis ben ao contrario” (Artavazd Pelechian).
KYANG / LIFE / [VIDA]
(Armenia, 1993)
Dirección e guión: Artavazd Pelechian. Produción: Armenfilm Studios. Fotografía: Vagagh Ter-Hakobyan. Duración: 7 min.
Pelechian emprega a cor por vez primeira, contruibuíndo así a resaltar o ton optimista do filme, o seu máis curto ata a data. Primeirísimos planos da face dunha muller parindo. Un dos momentos máis conmovedores da súa obra, é tamén a manifestación máis clara do diálogo entre a dor humana e a éxtase, sempre presente nas pezas de Pelechian.
Mércores 28 de marzo (18.15 e 20.30 horas):
MARDANTS YERKIRE / EARTH OF PEOPLE / [A TERRA DOS HOMES]
(URSS, 1966)
Dirección e guión: Artavazd Pelechian. Produción: Yerevan Film Studio, VGIK e Hayk Studio. Duración: 10 min.
Segunda película realizada por Pelechian mentres estudaba no prestixioso Instituto Estatal de Cinematografía da Federación Rusa (VGIK). Imaxes de xigantescas construcións feitas polo ser humano e xente de diversas profesións (doutores, enxeñeiros, obreiros, científicos…) desenvolvendo os seus labores no contexto dunha gran cidade. A película comeza e remata coa famosa escultura de Rodin O Pensador, símbolo da infinita beleza e manifestación do pensamento humano.
SKIZBE / BEGGINNIG / [O INICIO]
(URSS, 1967)
Dirección e guión: Artavazd Pelechian. Produción: Yerevan Film Studio, VGIK e Hayk Studio. Fotografía: Elizbar Karavayev. Duración: 10 min.
A filmografía oficial de Pelechian comeza con esta película titulada precisamente O inicio. Nela comparecen os feitos históricos que mudaron o curso da historia do século XX tras a Revolución de outubro de 1917. A través do uso de fotografías, gravacións de estudo e material de arquivo e mediante unha montaxe totalmente experimental, Pelechian fai un retrato da historia recente, marcada por un extraordinario número de sublevacións e derramamentos de sangue. A modo de representación simbólica do movemento revolucionario recóntase tamén a historia de Rusia.
MENQ / WE / [NÓS]
(URSS, 1969)
Dirección e guión: Artavazd Pelechian. Produción: Yerevan Film Studio. Fotografía: Elizbar Karavayev, Karen Mesyan e Laert Poghosyan. Duración: 27 min.
Perturbadoramente poética e intensamente humanista, amosa o sufrimento e a traxedia vividos polo pobo armenio durante séculos. Nun sentido máis amplo, un documento sobre a heroicidade cotiá e a capacidade de supervivencia humana malia todas as dificultades. “Falar do pobo armenio é unha oportunidade para poder falar sobre o mundo enteiro, sobre as características da natureza humana. O pobo armenio é tan só un ‘Nosoutros’ dentro dun ‘Nós’ moito maior” (Artavazd Pelechian).
OBITABELI / INHABITANTS / [OS HABITANTES]
(URSS, 1970)
Dirección e guión: Artavazd Pelechian. Produción: Minsk Film Studio. Duración: 10 min.
Chea de imaxes panorámicas de desbandadas e migracións masivas, Obitabeli / Inhabitants reflicte na súa maior parte animais salvaxes presas do pánico. “Moita xente sentiuse ofendida por Menq / We. Logo daquilo estaba moi decepcionado coa humanidade e decidín facer un filme sobre animais. Os animais non se ofenden e ao mesmo tempo, ao me centrar neles, podía dicir as mesmas cousas que viña dicindo ata agora sobre os seres humanos” (Artavazd Pelechian).
MER DARE / OUR CENTURY / [O NOSO SÉCULO]
(URSS, 1983)
Dirección e guión: Artavazd Pelechian. Produción: Yerevan Film Studio. Fotografía: Laert Poghosyan, O. Savin e R. Voronov. Duración: 47 min.
A película de Pelechian en que a éxtase polos logros humanos e a agonía existencial aparecen mellor entretecidas. O obxectivo non é establecer unha simple ironía, senón explorar o que move a humanidade a tirar para diante contra vento e marea. “Mer dare / Our Century é un filme sobre nosoutros, sobre min, sobre aquilo polo que loito, polo que nos esforzamos todos, cada un de nós, a humanidade enteira. E este desexo de ascender, de transcender, está encarnado, literalmente, nos cosmonautas” (Artavazd Pelechian).
VERJ / END / [A FIN]
(Armenia, 1994)
Dirección e guión: Artavazd Pelechian. Produción: Hayk Studio. Fotografía: Vagagh Ter-Hakobyan. Duración: 10 min.
No seu último traballo, Pelechian amosa xente de diversas idades, etnias e estados de ánimo, viaxando no interior dun tren. Neste microcosmos, como representantes do mundo enteiro, cada un dos moradores vai cara a un destino individual diferente, mais todos na mesma dirección. Se o derradeiro plano de Life / Kyanq (1993) parecía selar a fe de Pelechian na humanidade, aquí nos devolve á eterna dialéctica entre a descrenza e a esperanza que caracteriza toda a obra do cineasta armenio.