O Centro Galego de Artes da Imaxe comeza este mércores, 22 de febreiro, ás 20.30 horas, un ciclo-homenaxe ao certame navarro especializado en cine documental Punto de Vista coa proxección de Foreign Parts (2010) de Verena Paravel e Jean-Paul Sniadecki. O resto do mes de febreiro hase ocupar con filmes premiados na última edición do certame e máis a película española True Love.
Na sesión introdutoria deste mércores o encontro mensual cun crítico galego será con Martin Pawley e incluirá un debate posterior. A entrada é gratuíta.
O ciclo tributo ao certame Punto de Vista prolóngase no mes de marzo con dúas retrospectivas, a de Amir Muhammad e a de Sylvain George.
Homenaxe a Punto de Vista:
En colaboración co Festival Internacional de Cine Documental de Navarra Punto de Vista.
O pasado 15 de setembro os recortes económicos parecían rematar abruptamente co Festival Internacional de Cine Documental de Navarra Punto de Vista, un proxecto presidido polo rigor, a austeridade, o prestixio (mesmo foráneo) e polos moitos riscos artísticos considerados na programación, nesa altura intensamente implicada nos preparativos, febreiro de 2012, da súa oitava edición. A ameaza de suspensión viuse desbordada por unha vez polas reaccións entusiastas acontecidas nos días seguintes, a repercusión mediática, as voces a prol da proposta e, así mesmo, polas palabras ben escollidas dos profesionais responsables do certame. Como consecuencia, Punto de Vista prosegue o seu labor e devén en cita bianual mais sen conceder pausas. Neste ano 2012, entre o 22 e o 25 de febreiro, organízase un Seminario Internacional con dúas retrospectivas, a de Amir Muhammad e a de Sylvain George, que continúan a liña de revisión de autores comprometidos, reflexivos e críticos tan propia do certame e máis a presenza dos prometedores proxectos de X Films. No ano 2013 o festival retomará a estrutura habitual.
O CGAI, colaborador nas edicións anteriores de Punto de Vista, fai unha homenaxe a este proxecto e continúa na programación de marzo cunha escolma de títulos pertencentes ao Seminario, unha selección de títulos do repertorio de premiados da edición 2011 e máis a película española True Love, unha das sorpresas do festival: Gran Premio (Foreign Parts de Jean-Paul Sniadecki e Verena Paravel); Jean Vigo á mellor dirección con The Arbor de Clio Barnard; Premio do Público á española Color perro que huye de Andrés Duque e as mencións especiais concedidas ao filme portugués 48 de Susana de Sousa Dias e á francobelga Ici-bas de Comes Chahbazian.
Mércores, 22 de febreiro (20.30 h)
Foreign Parts
(Estados Unidos, 2010)
Dirección, produción e fotografía: Verena Paravel e Jean-Paul Sniadecki Duración: 80 minutos
Agochado tras o flamante estadio dos New York Mets, sobrevive o vecindario de Willets Points, unha zona industrial a piques de ser demolida. Sen beirarrúas nin legalidade urbanística, sen rede de sumidoiros, o lugar parece preparado para o seu futuro desenvolvemento urbano. Pero o filme descobre un espazo cheo de vida, unha comunidade sostida sobre a precariedade, a reutilización e a recuperación dos materiais e obxectos que non interesan á sociedade. Gran Premio en Punto de Vista 2011 logo de ser premiada en Locarno (Opera Prima).
Xoves, 23 de febreiro (18.15 e 20.30 h)
Color perro que huye
(España, 2011)
Dirección, produción e fotografía: Andrés Duque Duración: 70 minutos
Unha nota inicial do propio cineasta, Andrés Duque (Caracas, 1972), venezolano establecido en Barcelona e autor de Iván Z ou Landscapes in a truck, fai arrincar este filme: “Non teño nin celuloide nin fitas de vídeo. Só teño números almacenados en discos duros e en forma de caixas de memoria chamadas quicktimes. Delas tiro imaxes que agora xunto, ordeno e presento con sinceridade. Malia que verdades non son”. Logo dun accidente que o prostra na cama, o realizador recupera imaxes e descartes cos que elabora este filme sensorial feito de retrincos poéticos. Presente no Festival de Rotterdam e Premio do Público en Punto de Vista.
Venres, 24 de febreiro (18.15 h)
Ici-bas
(Bélxica-Francia, 2010)
Dirección, guión e fotografía: Comes Chahbazian Produción: Matière Première Duración: 55 minutos
Ereván, Armenia. Unha cidade (e un país) en pleno proceso de transformación, onde os monumentos de onte son as ruínas de mañá. Uns nenos xogan e pelexan en plena rúa. Retallos, un crebacabezas intermitente, fragmentos perdidos dun país imposible de retratar na súa totalidade. Mención Especial en Punto de Vista 2011.
Venres, 24 de febreiro (20.30 h)
48
(Portugal, 2009)
Dirección e guión: Susana de Sousa Dias Produción: Ansgar Schäfer, Kinotop. Fotografía: Octávio Espírito Santo. Duración: 93 minutos
Radiografía dos 48 anos de dictadura de Salazar en Portugal, o réxime autocrático máis longo na Europa do século XX, a través do relato dalgunhas víctimas e as fotografías das súas fichas policiais. Un retrato coral da oposición ao dictador que describe, con absoluta precisión e humanidade, as técnicas represivas. Mención Especial Punto de Vista 2011.
Martes, 28 de febreiro (18.15 e 20.30 h)
The Arbor
(Gran Bretaña, 2010)
Dirección: Clio Barnard. Produción: Tracy O’Riordan. Fotografía: Ole Birkeland. Intérpretes: Mandinjer Virk, Christine Bottomley. Duración: 90 minutos
Un proxecto urbanístico no norte de Inglaterra coñecido como The Arbor deixou profundas pisadas na dramaturga Andrea Dunbar. Medrou alí, intitulou así a súa primeira obra e ademais basearía todo o seu traballo posterior no lugar. Despois de dous anos entrevistando a familia, os amigos e os veciños, Barnard rodou actores interpretando o contido das entrevistas. A película vai centrarse na tormentosa relación que Dunbar mantiña coa súa filla Lorraine. Dunbar morreu e Barnard faille a Lorraine enfrontarse ás cartas e ás obras de teatro de súa nai. Premio Jean Vigo Punto de Vista 2011 á mellor dirección para a artista Clio Barnard.
Mércores, 29 de febreiro (18.15 e 20.30 h)
True Love
(España, 2010)
Dirección, guión e fotografía: Ion de Sosa Produción: Ion de Sosa, Regan&Velasco Inc. e Kinora. Duración: 70 minutos
Ion vivía en Berlín coa súa moza Marta. Tiña dúas cámaras, unha de vídeo e outra de 16 mm. Con elas retrataba o seu pequeno universo: piso, compañeiros, amigos, moza, un bar, as súas tatuaxes e moitas rúas. Un día Marta deixou a Ion. Os mesmos espazos, pero sen ela, a mesma casa, agora baleira.