O SERVIZO GALEGO DE SAÚDE ORGANIZA A SEGUNDA EDICIÓN DO CICLO DE PSIQUIATRÍA E CINE “NOS VIEIROS DA MENTE”

14 / 02 / 2012

Tralo éxito da primeira edición dun ciclo de psiquiatría e cine que contou con 10.196 espectadores, o Servizo Galego de Saúde organiza a segunda edición, que deu comezo onte nas cidades de A Coruña e Ferrol.

O ciclo “Nos vieiros da mente”, cuxo obxectivo é proporcionar aos asistentes información sobre as diferentes enfermidades mentais e loitar contra a estigmatización das persoas con enfermidade mental, realizarase nas cidades de Santiago, Ferrol, Coruña, Vigo, Pontevedra, Lugo e Ourense. En total, constará de 72 proxeccións de películas de temática relacionada coa psiquiatría. As obras escollidas este ano son Requiem por un sueño, Shine, Bicicleta, cullera, poma, Elling, Locos de amor, Two Lovers, El borracho e El maquinista, que abordan diferentes temas como a adicción ás drogas, as psicoses, a enfermidade de Alzheimer, a rehabilitación psicosocial, o síndrome de Asperger, o trastorno bipolar, o suicidio, o alcoholismo e os trastornos do soño. Tódalas películas e as patoloxías abordadas no ciclo son comentadas por profesionais da saúde mental e outros profesionais sanitarios.

Antes das películas emitirase o anuncio One in Four, cedido polo Royal College of Psychiatrist do Reino Unido e o Manifiesto de Oviedo contra o estigma da enfermidade mental, impulsado pola Sociedade Española de Psiquiatría, a Sociedade Española de Psiquiatría Biolóxica e a Fundación Española de Psiquiatría e Saúde Mental. No ciclo colaboran NovaCaixaGalicia, a Escola Galega de Saúde para Ciudadáns, FEAFES Galicia e a Compañía de Radio Televisión de Galicia, en virtude do acordo marco de colaboración firmado en maio de 2011 para o desenvolvemento do Proxecto Nise, que está levando a cabo a Consellería de Sanidade co fin de sensibilizar á poboación respecto da enfermidade mental, ofrecer información, formación e educación sanitaria a familiares e persoas con trastornos mentais, e mellorar o tratamento informativo da enfermidade mental por parte dos medios de comunicación

Categoría: Novas
Etiquetas: