O CGAI COMEZA MAÑÁ O CICLO BOX TO BOX. DA GALERÍA Á TAQUILLA

16 / 01 / 2012

O Centro Galego de Artes da Imaxe comeza mañá martes 17 de xaneiro coa proxección (18.15 e 20.30 horas) de Hunger (2008) de Steve McQueen o ciclo “Box to Box. Da galería á taquilla”. O ciclo está organizado en colaboración con REC, o Festival Internacional de Cine de Tarragona. “BOX to BOX, Da galería á taquilla (From the White Box to the Box Office) é un ciclo centrado en artistas que pasaron do ámbito da videoarte á longametraxe, saltando a distancia entre a galería de arte e a sala de proxección cinematográfica, ou dos coleccionistas á taquilla. Unha realidade que nos últimos anos representa todo un fenómeno nas programacións dos festivais internacionais de cine.
Resulta canto menos sorprendente que nun momento no que os novos auteurs do cine contemporáneo quedan sen espazo nos cines (con distribución convencional) e atopan refuxio nas salas de exposicións, saltando directamente das pantallas dos festivais aos auditorios, e incluso institucións museísticas deveñen produtoras das súas novas pezas, os creadores visuais que se relacionaban por defecto con ese espazo natural, tenten saltar cara a sala “comercial” na procura dun público máis amplo. Alén da anécdota do cambio de contexto, esta selección escenifica o punto de partida para reflexionar sobre a influencia da súa formación previa no paso á dirección, cales son as súas aportacións no desenvolvemento da linguaxe cinematográfica, e tentar dirimir o seu significado (e intencións) nun momento no que certo tipo de cine se achega cada vez máis aos espazos propios da arte contemporánea”.
Xavier G. Puerto, comisario do ciclo

Martes 17 de xaneiro (18.15 e 20.30 horas)
HUNGER    
(Irlanda-Gran Bretaña, 2008)
Dirección: Steve McQueen. Guión: Enda Walsh e Steve McQueen. Produción: Blast! Films, Channel Four Films, Film4. Fotografía: Sean Bobbitt. Intérpretes: Michael Fassbender, Liam Cunningham. Duración: 98 minutos.  
O aclamado videoartista Steve McQueen (Premio Turner) facía o seu primeiro salto á gran pantalla cunha poderosa, emocionante e esteticamente inapelable crónica dos últimos días de Bobby Sands, un membro do IRA que iniciou unha folga de fame en 1981. Un retrato impactante, épico, seductor e inesquecible que gañou a Cámara de Ouro en Cannes 2008 e sorprendeu no REC 2009 erixíndose nunha das películas da década.

Mércores 18 de xaneiro (18.15 e 20.30 horas)
YOU ARE HERE    
(Canadá, 2010)
Dirección e guión: Daniel Cockburn. Produción: ZeroFunction, Scythia Films. Fotografía: Cabot McNenly. Intérpretes: Tracy Wright, R.D. Reid. Duración: 77 minutos.  
Un prisioneiro responde a preguntas en chinés sen coñecer o idioma. Uns peóns deambulan polas rúas recibindo ordes dun misterioso centro de operacións. Un neno conta a historia dun científico tolo que ten un ollo cibernético e pretende apoderarse do mundo. Son algunhas das historias que o videoartista canadiano Daniel Cockburn tece a modo de fascinante e enmarañado quebracabezas cinematográfico. Entre a historia de detectives (o subtítulo é “A meta-detective story”) e a ciencia-ficción, o debut de Cockburn é unha viaxe alucinante ao fondo da mente; un filme sorprendente que explora a natureza da conciencia e as relacións entre tecnoloxía e (auto)percepción, cunha linguaxe innovadora e arriscada que adapta a inventiva de Borges ao século XXI. Premio da Crítica no Festival de Locarno 2010.

Xoves 19 de xaneiro (18.15 e 20.30 horas)
ATTENBERG    
(Grecia, 2010)
Dirección e guión: Athina Rachel Tsangari. Produción: Haos Film. Fotografía: Thimios Bakatakis. Intérpretes: Ariane Labed, Vangelis Mourikis, Evangelia Randou. Duración: 97 minutos.  
Marina é unha moza que vive co seu pai arquitecto nun pobo turístico de praia. Lonxe da vida social, manten unha actitude observacional por medio das cancións de Suicide, os documentais de David Attenborough e as leccións sexuais da súa amiga Bella. A chegada dun mozo ao lugar, faralle profundizar nas súas indagacións sobre a raza humana. Tsangari, videoartista e produtora da excelente Canino, ofrece un relato singular, preciso, sen concesións. Premio á mellor actriz no certame de Venecia 2010.

Venres 20 de xaneiro (18.15 e 20.30 horas)
KM 364 A JOURNEY BY TRAIN    
(Gran Bretaña-Alemaña-Francia, 2010)
Dirección: Douglas Gordon. Produción: Blast! Films, Channel Four Films e Film4. Fotografía: George Geddes. Duración: 70 minutos.  
Avri Levitan e Roi Shiloah, dous músicos xudeus israelíes de origen polaco, viaxan á terra que os seus pais tiveron que abandoar en 1939. Gordon vai con eles desde Berlín a Poznan, onde a antiga sinagoga é agora unha piscina, ata chegar a Varsovia, onde dan un concierto coa Orquestra de Cámara Nacional de Polonia. A viaxe en tren de Avri e Roi, viola e violinista, non será só física senón tamén unha xuntanza de ideas, recordos e música. Douglas Gordon, logo do seu traballo sobre Zidane, elabora unha colage de sons, imaxes e paisaxes que fala da memoria histórica de Europa e da capacidade evocadora e liberadora da música.  

Categoría: Novas
Etiquetas: