ANDAINA CONVOCA O III FESTIVAL DO AUDIOVISUAL FEITO POR MULLERES, MUFEST 2012

30 / 12 / 2011

Ata o 7 de xaneiro pódense remitir obras para participar no III Festival do Audiovisual Feito por Mulleres (Mufest), que terá lugar en febreiro próximo nl Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) de Santiago de Compostela organizado pola asociación feminista Andaina.

Poden concorrer ao III Festival do Audiovisual Feito por Mulleres traballos de tema libre escritos, dirixidos ou producidos por mulleres, de ata 30 minutos de duración (para os de ficción e animación) ou de ata 60 minutos (para os documentais). En tódolos casos, as obras teñen que ter sido producidas despois de 2005, e deberán estar en galego, en castelán ou subtituladas a unha de ditas linguas. Cada autora poderá remitir a Mufest 2012 cantos traballos queira, antes da data indicada, en formato DVD, nunha funda identificada co título da película e os datos da autora. O envío ten que realizarse a Andaina Mulleres. Apartado de Correos 1058. 15706 Santiago de Compostela.

A peza deberá acompañarse de diversa documentación, coma o título, duración e ano de produción, unha breve sinopse, dúas fotografías e o currículo da mesma, e un currículo da directora, produtora ou guionista. Un comité seleccionará entre 10 e 12 traballos para a súa exhibición no festival, e un xurado formado por mulleres relacionadas co mundo do cine e a televisión, ou co mundo artístico e feminista, outorgará sendos premios ás mellores obras de animación, de ficción e documental, e unha mención á mellor obra orixinal en galego. Ademais, poderá conceder un accésit se o estima oportuno, ou deixar deserto calquera premio. As bases están na web www.andainamulleres.org.

 

Categoría: Novas
Etiquetas: