ARRINCA EN PONTEVEDRA A IV FEIRA DAS INDUSTRIAS CULTURAIS GALEGAS CULTURGAL

2 / 12 / 2011

Do 2 ao 4 de decembro celebrarase no Pazo da Cultura de Pontevedra a cuarta edición da Feira das Industrias Culturais Galegas Culturgal, que organiza a asociación que lle da nome, con apoios institucionais. O evento aspira a converterse no “fogar da cultura galega”, propoñendo máis de 130 actividades para tódolos públicos. O mundo audiovisual terá presencia na cita a través de diversas presentacións, conferencias e obradoiros.

O programa do Culturgal 2011 combinará a actividade feiral, con ao redor de 70 expositores, cun foro que contará cun centenar de poñentes nacionais e internacionais, e iniciativas dirixidas ao público xeral, como concertos, presentacións de libros ou representacións escénicas. En total, serán 130 actividades as que se levarán a cabo, con entrada libre. Ademais, nesta cuarta edición ponse en marcha a Tenda de Culturgal, que ofrecerá aos visitantes un espazo específico e organizado en seccións temáticas para adquirir unha selección dos produtos culturais máis destacados (literarios, musicais ou audiovisuais) cun desconto do 10% sobre o seu prezo habitual. O espazo de Culturgal no Pazo da Cultura distribuirase en distintas áreas, como o “Cuarto dos nenos”, no que haberá tódolos días programación específica para os máis pequenos; o “Salón”, no que ocuparán o espazo principal a literatura e os escritores; ou o “Patio”, dedicado á música. No “Garaxe” primará o audiovisual, coa presentación, hoxe venres, 2 de decembro, de filmes galegos como Rosario, de Mario Iglesias (ás 17:00 horas), ou de Vilamor, de Ignacio Vilar (ás 18:00 horas). A esta última acudirá boa parte do reparto, e poderanse ver, en primicia, algunhas esceas do filme. Ás 19:00 horas, V Televisión presentará a súa programación. O sábado 3 tocaralle a quenda a Jorge Algora, que presentará ás 17:30 horas a súa película Y sin embargo te quiero. Ás 18:30 horas presentarase Angélica y Roberta, a serie máis freak de Internet.

O domingo 4, ás 17:00 horas, presentarase no Garaxe o proxecto de documental En todas as mans. O monte en mancomún, de Trespés, que se financiará mediante crowdfunding, e ás 18:00 horas poderase desfrutar do experimento audiovisual Música do séptimo dia, unos videoclips de Xavier Belho que se gravou usando a cámara fotográfica Canon 7D como única ferramenta. Pola súa banda, no Patio, o sábado 3 presentarase, ás 13:30 horas, o DVD da película Crebinsky, coa presenza do director, dos protagonistas e da Banda Crebinsky, que amenizará a posta en escea. Noutra orde de cousas, desenvolverase durante a feira un obradoiro para profesionais sobre os novos camiños para desenvolver proxectos, o venres 2 ás 13:00 horas. Hoxe tamén, ás 18:30 horas, no Foro Culturgal, participará Joan Sala, responsable da plataforma de crowdfunding Verkami. O sábado 3, ás 11:00 horas, en dito Foro, poderase coñecer a experiencia de Nicolás Alcalá ao fronte de El cosmonauta, unha película que emprega o crowdfunding como forma de financiamento e licenzas Creative Commons para a súa distribución; e ás 16:30 horas Paula Cons, directora de contidos da produtora galega Continental, presentará o proxecto weecop.tv, unha plataforma para desenvolver, producir e comercializar contidos audiovisuais cooperando a través da rede.

 

Categoría: Novas
Etiquetas: