VOZ AUDIOVISUAL ABRE A SÚA ESCOLA DE INTERPRETACIÓN E GUIÓN EN A CORUÑA

17 / 11 / 2011

Voz Audiovisual pon en marcha a primeira gran escola de Actores e Guionistas de Galicia. A empresa responsable de títulos como “Mareas vivas” , “Matalobos” ou “Padre Casares”, decidiu dar un paso máis na promoción do audiovisual galego, coa apertura da súa nova liña de formación.

Que en Galicia hai talento é de sobra coñecido. Que se fai moi bo audiovisual, tamén. Pero chegou o momento de que os mellores actores e guionistas de Galicia comecen a traspasar os seus coñecementos e experiencia, e que o fagan aquí. Esta é a filosofía coa que nace a Escola de Interpretación e Guión de Voz Audiovisual.

A produtora acaba de abrir o prazo de inscrición para ambos cursos, que darán comezo o próximo mes de febreiro. A escola seleccionará un total de 20 alumnos, que participarán nesta primeira edición do curso.

Os elixidos recibirán as clases nas propias instalacións da produtora, e nos mesmos platós onde, na actualidade, se gravan as dúas series máis exitosas do audiovisual galego: Padre Casares e Matalobos.

Ademais, os propios protagonistas destas series serán algúns dos profesores que impartirán os cursos de Interpretación; da mesma maneira que, entre o profesorado dos cursos de Guión, estarán os actuais guionistas de ambas producións.

É a intención da produtora que, a partir de agora, a súa escola sirva a Voz Audiovisual como canteira de profesionais, tanto no ámbito interpretativo como para o desenvolvemento de novos formatos audiovisuais. Que os mellores profesionais do momento formen aos profesionais do futuro; que o fagan sen ter que saír de aquí e para que traballen aquí. Trátase de investir en formación, contribuíndo a construír unha nova industria audiovisual, baseada no talento.

Para solicitar información /inscrición chamar ao teléfono 981180100, escribir a vozaudiovisual@vozaudiovisual.com, ou consulta-la web www.vozaudiovisual.com.

 

 

 

 

 

Categoría: Novas
Etiquetas: