O PRESUPOSTO DA CRTVG REDÚCESE UN 3,6% EN 2011, ATA OS 117,1 MILLÓNS DE EUROS

11 / 11 / 2011

A Compañía de Radiotelevisión de Galicia deberá afrontar para o exercicio de 2012 un novo reaxuste presupuestario, segundo informou o pasado 9 de novembro, Alfonso Sánchez Izquierdo, director xeral da CRTVG, no Parlamento de Galicia. Por terceiro ano consecutivo, o ente público deberá xestionarse con cifras á baixa, xa que para o ano entrante disporá dun presuposto consolidado de 117,1 millóns de euros, un 3,6% menos que no exercicio anterior, o que supón unha reducción de 4,3 millóns en termos absolutos. Sánchez Izquierdo adiantou que a tendencia á baixa nas aportacións por parte da Xunta suavízase o próximo año, cun recorte de 2 millóns de euros, o que representa un 2% menos que no exercicio anterior, co que alcanzará os 100,3 millóns. Por vez primeira dende 2005, a aportación de explotación da Comunidade Autónoma vai situarse por debaixo dos 100 millóns de euros (99,2 millóns). A maiores, a Comunidade Autónoma fará unha transferencia de capital de 1,2 millóns. Nestas circunstancias, o director xeral formulou unhas liñas de acción fundamentais para poder avanzar na misión de servizo público, cuns criterios de eficiencia e innovación, tendo como referente “conseguir un resultado presupuestario en equilibrio e reducir os niveis de endeudamento neto das contas do grupo”.

En 2012, o gasto do presuposto de compras e servizos exteriores representará o 47,7%, mentres que os gastos de persoal serán do 47,9%, fronte ao 44,5% do presuposto consolidado que presentaba a CRTVG en 2011, aspecto que considerou que debe ir a menos no futuro. En inversións materiais, principalmente en equipación e instalacións técnicas, contémplase unha dotación de 2,5 millóns de euros para facer fronte, indicou, a unha necesaria renovación tecnolóxica do grupo. O director xeral da CRTVG sinalou que para este exercicio está previsto contratarlle directamente ao sector audiovisual galego a terceira parte do presuposto de explotación da Televisión de Galicia. Neste apartado, explicou, inclúense coproducións audiovisuais (apoio ao cine), compras de dereitos de interese estratéxico, series de ficción, programas de entretemento, producións asociadas, produtoras de informativos, dobraxes, traballos de apoio á produción interna e alugueres de plató, entre outros. Segundo Sánchez Izquierdo, “máis do 90%” do presuposto da CRTVG para o exercicio de 2012 “reverte directamente nos traballadores e no texido produtivo galego”.

 

 

 

Categoría: Novas
Etiquetas: