A PELÍCULA ARRUGAS DE PERRO VERDE FILMS ENTRE AS 18 PELÍCULAS PRESELECCIONADAS AOS ÓSCARS DE ANIMACIÓN

8 / 11 / 2011

A Academia Americana ven de publicar unha preselección de 18 películas que porán optar ó premio de mellor película de animación unha vez sexan estreadas, durante un mínimo dunha semana, en Los Ángeles, antes de rematar o ano. Entre as preseleccionadas atópase a película Arrugas coproducida por Perro Verde Films, xunto coa TVG e Cromosoma. Arrugas non é a única española elixida pola Academia Americana senón que Chico&Rita, de Fernando Trueba, Javier Mariscal e Tono Errando, tamén forma parte da preselección.

Os seus rivais serán os estadounidenses Las aventuras de Tintín, Alvin and the Chipmunks: Chipwrecked, Arthur Christmas, Cars 2, Gnomeo & Juliet, Happy Feet Two, Hoodwinked Too! Hood vs. Evil, Kung Fu Panda 2, Mars Needs Moms, Puss in Boots, Rango, Rio, Los Pitufos e Winnie the Pooh, o checo Alois Nebel, e o francés A Cat in Paris. España xa contou con dúas películas aspirantes aos Oscar en 2009, El lince perdido e Planet 51, pero non conseguiron entrar entre as nominadas. De feito, ningún filme do noso país logrou ese fito aínda.

Varias das 18 películas de animación aspirantes ás nominacións aos Oscar aínda non cumpriron co requirimento de ter sido estreadas en Los Angeles para manter a elixibilidade. Alo menos oito dos filmes deberán estrearse en dito condado durante 2011 para que se active a categoría. As obras remitidas á modalidade de mellor película de animación tamén poderán optar aos Oscar noutras categorías, incluíndo a de mellor película, sempre que cumpran os requisitos. As nominacións para a 84ª edición dos premios da Academia das Artes e as Ciencias Cinematográficas anunciaranse no Samuel Goldwyn Theater o 24 de xaneiro de 2012, e a gala de entrega de galardóns terá lugar, como é tradicional nas últimas edicións, no Kodak Theatre do Hollywood & Highland Center o 26 de febreiro dese ano.

 

 

Categoría: Novas
Etiquetas: