O FILME LOBOS DE ARGA GAÑA A XXII SEMANA DE CINE FANTÁSTICO DE SAN SEBASTIÁN

8 / 11 / 2011

O filme Lobos de Arga, de Juan Martínez Moreno, gañou o premio do público á mellor película na XXII Semana de Cine Fantástico e de Terror de San Sebastián, que se celebrou do 29 de outubro ao 4 de novembro organizada por Donostia Kultura. En curtas, foron galardoadas The Centrifuge Brain Project, A Lost and Found Box of Human Sensation, Paths of Hate e Leyenda.

Competían na sección oficial de longametraxes da XXII Semana de Cine Fantástico e de Terror de San Sebastián 20 filmes. O premio do público á mellor longa foi para Lobos de Arga, de Juan Martínez Moreno, unha comedia de terror producida por Telespan 2000, do Grupo Vértice 360º, e Vaca Films e protagonizada por Gorka Otxoa e Carlos Areces, que arranca a súa trama a principios do século XX en Arga, un pobo galego do camiño de Santiago, no que cae unha terrible maldición sobre a malvada Marquesa de Mariño que converte ao seu fillo en home lobo, xusto o día que cumpre dez anos. Cen anos despois, Tomás, escritor fracasado e último descendente dos Mariño, regresa ao pobo para ser nomeado fillo adoptivo. Sen embargo, a verdadeira razón pola que foi convocado é para ser sacrificado nunha escura cerimonia, e poder así acabar co reinado de terror do home lobo, que leva todo ese tempo atemorizando á rexión. Esta é a primeira vez nos 22 anos de existencia do evento donostiarra que unha película española gaña este premio, que está dotado con 6.000 euros para a distribuidora do filme, Vértice Cine.

Na sección internacional de curtametraxes, con 15 traballos a concurso, houbo coincidencia entre un xurado internacional conformado polo dueto de directores Julien Maury-Alexandre Bustillo, o crítico Antonio José Navarro, e a actriz Manuela Vellés, e o público. Ambos outorgaron o galardón ao alemán The Centrifuge Brain Project, de Till Nowak, sobre o efecto dun parque de atraccións nun neno. O premio “Méliès de Plata” do xurado á mellor curta fantástica europea foi para a polaca Paths of Hate, de Damian Nenow, o que lle dará a oportunidade de optar ao Méliès de Oro. Pola súa banda, o premio do xurado xoven, composto por 150 membros, foi para outra curta alemana: A Lost and Found Box of Human Sensation, de Martin Wallner e Stefan Leuchtenberg. A Semana donostiarra contaba así mesmo con outro concurso reservado a curtametraxes españolas de xénero, para o que seleccionaran nove títulos. O público elixiu como gañador a Leyenda, de Pau Teixidor. O evento clausurouse o venres 4 de novembro coa entrega de premios e o pase do filme hispano-cubano sobre zombies Juan de los Muertos, de Alejandro Brugués.

 

Categoría: Novas
Etiquetas: