Os días 5 e 6 de novembro vai ter lugar no Auditorio Municipal de Ourense, un Encontro de Cineclubes organizado pola Federación de Cineclubes de Galicia e o Cineclube Padre Feijoo, no que participarán tamén cineclubes de Portugal e de Cataluña.
O Encontro terá lugar o sábado 5 de novembro pola mañá, cun debate sobre o audiovisual en Galicia, e a situación da distribución de cine de autor independente. Na sesión falarase das dificultades polas que atravesa o sector dos cineclubes en Galicia. De feito, a Xunta non renovou o convenio que mantiña coa Federación de Cineclubes de Galicia dende fai 15 anos. Ademais,intercambiaranse experiencias con entidades homólogas de Portugal e de Cataluña. Xa pola tarde, ás 16:00 horas proxectarase a película uruguaia La vida útil, de Federico Veiroj, e, ás 17:30 horas, terá lugar unha conferencia sobre a distribución cinematográfica a cargo do produtor, crítico e periodista cinematográfico Pepe Coira. Ás 19:00 horas verase o filme serbio The Trap, de Srdan Golubovic, e como peche da xornada, ás 22:00 horas, no Café Cultural Auriense, poderase desfrutar dun concerto de Ondas Martenot.
O domingo 6, a xornada comezará ás 11:00 horas co pase do filme xaponés La chica que saltaba a través del tiempo, de Mamoru Hosoda. Ás 13:00 horas leranse as conclusións do encontro e a adhesión á carta de dereitos do espectador. Xa pola tarde, proxectarase ás 16:00 horas a cinta australiana Animal Kingdom, de David Michod, e máis tarde, ás 18:15 horas, o oscarizado documental Inside Job, de Charles Ferguson. A entrada a tódalas actividades no Auditorio Municipal é gratuíta, aínda que se agradecen aportacións, e haberá 55 prazas reservadas para os cineclubes participantes. O concerto terá un custe de 3 euros. No bienio 2010-2011, os 22 cineclubs galegos proxectaron 559 producións audiovisuais, que alcanzaron unha media de 100 espectadores por sesión, segundo Manuel Precedo, presidente da Federación de Cineclubes de Galicia.