O Centro Galego de Artes da Imaxe inaugura o seu proxector 2K cun servidor estándar DCP (Digital Cinema Package) de proxección dixital con títulos clásicos restaurados en copias de calidade impecable. Comezou coas dúas primeiras (populares e multipremiadas) pezas melodramáticas en torno á familia Corleone, a saga d’El Padrino, orquestadas por Francis Ford Coppola, e a segunda película de Terrence Malick, Días del cielo, autor de plena actualidade pola súa longametraxe El árbol de la vida.
VENRES día 4 de novembro (18.00 e 20.45 horas)
DAYS OF HEAVEN / DÍAS DEL CIELO
(Estados Unidos, 1978)
Dirección e guión: Terrence Malick. Produción: Paramount Pictures. Fotografía: Néstor Almendros. Intérpretes: Richard Gere, Brooke Adams, Sam Shepard, Linda Manz. Duración: 94 minutos.
Oscar á mellor fotografía para o español Néstor Almendros, unha fermosa, poética e tráxica historia de amor de perspicaz posta en escea que Malick dirixiu logo da evocadora e potente Malas tierras (1973) antes de retirarse vinte anos. Billy e Abby, unha parella moza, abandonan a miseria que levan no Chicago de 1916. Xunto coa irmá de Bill, Linda, rematan nos campos de trigo de Texas onde os tres se fan pasar por irmáns. O patrón namórase de Abby.