O CGAI ACOLLE UN CICLO DA MOSTRA DE CIENCIA E CINE

27 / 10 / 2011

Prosegue o traballo conxunto entre CGAI e a IV Mostra de Ciencia e Cinema da Coruña. Dende o martes día 25 de outubro sete sesións cinematográficas máis unha conferencia do analista do mercado cinematográfico Juan Herbera, unha semana de programación versátil onde os nexos entre cine e ciencia amosan a súa complexidade e amplitude. Indagacións documentais que alcanzan a mestura de contemplación do cosmos e exploración na memoria dos desaparecidos dunha ditadura, a chilena –Nostalgia de la luz, anexionada á obra do seu autor, Patricio Guzmán, responsable da célebre La batalla de Chile-, ou aproximacións á vida dun orangután –Nénette, do gran Nicolas Philibert-, homenaxes a autores iconoclastas senlleiros, que van do percorrido pola paisaxe ao documento antropolóxico invadido por elementos de ciencia-ficción (Deborah Stratman, Ben Rivers), a revitalización dunha etnografía da memoria (a portuguesa Encontros) ou, last but not least, xeniais pezas didácticas a cargo de pioneiros da animación (os irmáns Max e Dave Fleischer) que nos achegan aos mundos de Einstein e Darwin.

Juan Herbera, analista do mercado cinematográfico, avalado pola súa experiencia nos sectores da distribución e exhibición, hoxe asesor de empresas, docente na ESCAC e autor do excelente blog (extinto por decisión propia hai uns días) Desde la taquilla, impartirá a conferencia “Está en crise o mercado cinematográfico en España?”. Herbera disecciona a evolución da asistencia ás salas de cine desde os anos 80 do século pasado, un estudo exploratorio estruturado a partir de parámetros básicos (pantallas, espectadores, recadación, prezo medio e índices de asistencia) que ilustra o funcionamento, potencial e incidencias do parque de salas cinematográfico español.   
 
Martes 25 de outubro (18.00 horas):
Sesión Deborah Stratman:
ON THE VARIOUS NATURE OF THINGS   
(Estados Unidos, 1995)
Dirección, guión, produción e fotografía: Deborah Stratman. Duración: 25 minutos.  
Exploración das forzas da natureza baseada nas conferencias do Nadal de 1859 do físico escocés Michael Faraday. A película reinterpreta de forma literal, metafórica e caprichosa as convencións científicas para ilustrar conceptos físicos. Faraday sentía que a xente necesitaba estar máis informada sobre a realidade cotiá da física e como as súas leis influían nas máis simples das súas accións. Por iso en 1859 se dirixiu ao público para tratar ese tema, e preparou conferencias impartidas, até converterse nunha tradición, o día de Nadal. A cineasta asume o reto e toma en consideración o mundo que a rodea cunha curiosidade lúdica contaxiosa, e ás veces escura. A película é unha homenaxe ao entusiasmo de Faraday e a súa aproximación táctil á ciencia. El foi ademais un dos pioneiros do cinema, ao inventar e utilizar un dos primeiros prototipos “cinematoscópicos”. A película desafía o espectador a observar a beleza dos pequenos detalles que nos rodean mais poden pasar inadvertidos.

RAY’S BIRDS   
(Estados Unidos, 2010)
Dirección, produción e fotografía: Deborah Stratman. Duración: 7 minutos.  
Ray Lowden ten setenta e dúas grandes aves de presa, cinco cervos e varios exemplares de wallaby na súa casa de Northumberland, Inglaterra. El só estivo dez días fóra en doce anos e ama o que fai. A película é unha pequena homenaxe á súa ao mesmo tempo tímida, imperial, curiosa e obstinada casa de feras.

IT WILL DIE OUT IN THE MIND   
(Estados Unidos, 2006)
Dirección, guión, produción e fotografía: Deborah Stratman. Duración: 4 minutos.  
Unha breve meditación sobre a posibilidade dunha existencia espiritual e o paranormal na nosa era da información. Os textos pertencen ao filme de Tarkovski Stalker, e neles a filla de Stalker ofrécelle algo máis custoso e menos explicable que a lóxica e a tecnoloxía como alicerce conceptual do espírito humano. Parte 2 da Triloxía Paranormal.

FROM HETTY TO NANCY   
(Estados Unidos, 1997)
Dirección, guión, produción e fotografía: Deborah Stratman. Duración: 44 minutos.  
A estoica beleza da paisaxe islandesa é o escenario dunha serie de enxeñosas e cáusticas cartas escritas no cambio de século por unha muller chamada Hetty que percorre o país a pé xunto á súa compañeira Masie, catro rapazas estudantes e a súa profesora. O filme opón a retranca de Hetty ao catalogar as interaccións sociais das súas compañeiras mentres se enfrontan á incomodidade e o aburrimento co reconto de catástrofes históricas que revelan como a poboación islandesa está suxeita ás extraordinarias forzas da natureza.
 
Martes 25 de outubro (18.45 horas):
NÉNETTE   
(Francia, 2010)
Dirección e guión: Nicolas Philibert. Produción: Les Films du Losange. Fotografía: Katell Djian e Nicolas Philibert. Duración: 70 minutos.  
Nacida en 1969 nas selvas de Borneo, Nénette vén de facer 40 anos: é moi raro que os orangutáns cheguen a esa idade. Reside no zoo de Jardin des Plantes de París desde 1972, polo que acumula máis antigüidade que calquera membro do persoal desta institución. Estrela indiscutíbel do lugar, Nénette ve cada día centos de visitantes que se deteñen -e falan- diante da súa gaiola. Presente en Berlín e Punto de Vista.

Mércores 26 de outubro (20.45 horas):
Sesión Ben Rivers

ORIGIN OF THE SPECIES   
(Gran Bretaña, 2008)
Dirección, guión, produción e fotografía: Ben Rivers. Duración: 16 minutos.  
Un home de 70 anos que vive nun lugar remoto de Escocia leva anos obsesionado con “tentar entender realmente” o libro de Darwin, do cal é un gran seguidor. Á vez que alimenta esta paixón, traballa constantemente na fabricación de pequenas invencións que lle fagan a súa vida máis fácil.

SLOW ACTION   
(Gran Bretaña, 2010)
Dirección, guión, produción e fotografía: Ben Rivers. Duración: 45 minutos.  
Película de ciencia ficción post-apocalíptica que reúne catro traballos en 16mm que se moven entre o documental, o estudo etnográfico e a ficción. Seguindo coa investigación de ambientes curiosos e extraordinarios, aplica a idea de “bioxeografía de illa” -o estudo de como as especies e os ecosistemas evolucionan de maneira diferente cando están illados e rodeados por un hábitat inapropiado- a unha concepción da Terra dentro duns centos de anos, cando o nivel do mar xa aumentou até unha altura absurda, para crear utopías hiperbólicas que parecen mini-sociedades futuras. Filmada en sitios diferentes do planeta: Lanzarote, Gunkanjima, Tuvalu e Somerset. A banda sonora da película -relatos do escritor Mark von Schlegell- detalla a evolución de cada unha das catro illas segundo a súa xeografía, xeoloxía, condicións climáticas e botánicas. Inspirada en Erewhon de Samuel Butler, The New Atlantis de Bacon, The Green Child de Herbert Read e The Last Man de Mary Shelley, encarna o espírito de exploración, experimentación e busca activa que acaba por caracterizar a obra de Rivers.

Xoves 27 de outubro (18.00 horas):
ENCONTROS   
(Portugal-Francia, 2006)
Dirección e guión: Pierre-Marie Goulet. Produción: Costa do Castelo Filmes, Athanor e Zarafa Films. Fotografía: Bruno Flament. Duración: 105 minutos.  
En 1957 un grupo de campesiños de Peroguarda, no Alentejo, vai cantar a Porto. O poeta António Reis, futuro director de Trás-os-Montes, escoita os seus cantos. Conquistado, toma o camiño de Peroguarda, cunha gravadora. En 1959, Michel Giacometti, musicólogo, comeza unha pesquisa de 30 anos na que descubre Peroguarda. 1966, o cineasta Paulo Rocha roda a sua segunda longa-metraxe (Mudar de Vida) no Furadouro, situando a historia no medio dos pescadores que fascinaran a súa infancia. Estas e outras persoas forman parte dunha tribu informal que se recoñece cando se atopa.
 
Xoves 27 de outubro (20.45 horas) e venres 28 de outubro (18.00 horas):
NOSTALGIA DE LA LUZ   
(Chile-Francia-Alemaña, 2010)
Dirección e guión: Patricio Guzmán. Produción: Atacama Productions, Blinker Filmproduktion, WDR e Cronomedia. Fotografía: Katell Djian. Duración: 93 minutos.  
A procura da explicación da orixe da vida, con astrónomos chegados de todo o mundo reunidos no deserto de Atacama (norte de Chile) para observar as estrelas, combinado co rastreo de desaparecidos baixo a dictadura de Augusto Pinochet. O histórico autor de La batalla de Chile e Salvador Allende, firma un magnífico filme presente en grandes certames (Cannes, Toronto, Marsella, San Sebastián, Punto de Vista).
 
Venres 28 de outubro (20.45 horas):
Sesión Max&Dave Fleischer
THE EINSTEIN’S THEORY OF RELATIVITY  
(Estados Unidos, 1923)
Dirección: Dave Fleischer. Produción: Max Fleischer para Out of the Inkwell Films. Duración: 30 minutos.  
Documental producido en colaboración co divulgador científico Garrett Putnam Serviss. Estrouse o 11 de febreiro de 1923.
 
DARWIN’S THEORY OF EVOLUTION   
(Estados Unidos, 1925)
Dirección: Dave Fleischer. Produción: Max Fleischer para Out of the Inkwell Films. Duración: 50 minutos.  
Película documental que combina animación e imaxe real, producida coa cooperación e o apoio do Museo Americano de Historia Natural de Nova York.

Categoría: Novas
Etiquetas: