A organización do Festival Amal, con Ghaleb Jaber na direción, presentou esta mañá, na Facultade de Ciencias da Comunicación da USC, un concurso para afeccionados ao audiovisual. Chámase Amal Express e pretende fomentar a creación audiovisual entre os máis novos.
O concurso consiste na gravación, edición, montaxe e elaboración dunha curtametraxe nun tempo limitado. Os participantes terán 96 horas para crear a súa propia curta, a cal deberá virar contorna a un tema ou palabra crave que non se desvelará ata o día 24 de Outubro, día no que comeza o Festival Amal.
Amal Express nace coa idea de promover a cultura a través de soportes dixitais. Por iso, os traballos presentados ao concurso poderanse ver en www.adnstream.tv e dentro da canle de curtametraxes “amalexpress”, onde ademais se poderá votar o curto favorito.
O gañador de Amal Express será anunciado na Gala de Clausura da novena edición, que se celebrará o día 29 de Outubro no Teatro Principal, e recibirá un premio de 500 euros. Os interesados en participar poderán facelo inscribíndose desde hoxe mesmo na web do festival www.festivalamal.es
Trátase dun concurso que conta coa colaboración de adnstream.tv e co apoio da Universidade de Santiago de Compostela. O ano pasado este galardón foi para “Camiño da Memoria”, un curto dirixido polos galegos Alberte Mera, Valentina Alonso e Lucía Calvo. A palabra crave escollida para Amal Express 2010 era “o camiño”.