O director Yayo Quesada presentou esta mañá El perro azul. Vida e obra de Xaime Quessada, o documental que percorre a vida, máis ca a obra, do pintor ourensán. Partindo dunha entrevista de seis horas gravada co artista no ano 1999 e que nunca se chegou a emitir, propón un percorrido pola súa vida “en momentos bastante surrealista, como era o propio personaxe, pero tamén unha besta á hora de crear”. Javier Collazo, produtor da fita (Produtora Faro), tamén falou da visión que o director imprimiu na obra: “persoal, pola súa relación familiar pero tamén é artística e implicada coa personaxe”.
Yayo Quesada retrata “partes da súa vida, dende a súa infancia na rúa Lamas Carvajal cos seus irmáns e co seu compañeiro de escola, Mendez Ferrín, pasando polas súas viaxes para acabar centrándose nos seus dous escenarios principais: os seus estudos en Ourense, o de Vilar de Astrés, e en Ibiza”. O director deixou patente que “non busquei reflexar as súas técnicas de pintura senón descifrar o seu mundo e facelo comprensible para o espectador”. Nos 57 minutos que dura o documental, podemos ver a un Xaime Quessada que fala dende política ata literatura ou da súa propia obra. Ademais, queda reflexada unha parte máis descoñecida do artista: “o meu tío era unha persoa moi graciosa, e esa coña que non soe aparecer nos documentais, faise moi presente neste”. O proceso de creación do filme fuxiu dos convencionalismos e non se contou en ningún momento cun guión ou unha planificación na produción senón que xurdiu “con moita liberdade, coma se fose un artista pintando un cuadro”.
Ás preguntas dos xornalistas sobre o título do documental, Yayo respondeu que “El perro azul é un cadro que me recorda moito ao meu tío, ese xenio ladrando… ademais, el facía moitas referenzas ao cadro para referirse a aspectos concretos da súa vida”. En canto á saída comercial do documental, “non o sabemos nin tampouco temos ningún plan: neste momento o que nos interesaba era presentalo no Festival de Cine de Ourense, que nos dará unha señal de que pensa a xente sobre el”, afirmou Yayo.
O proxecto de El Perro Azul… foi presentado no marco do 14OUFF, e no seu financiamento participou a Concellería de Cultura do Concello de Ourense. O resultado poderá verse este vindeiro mércores ás 20:00 horas no Teatro Principal (con entrada de balde).
[Gala OUFFescola]
Por outra banda, a mañá do luns tamén serviu para celebrar a gala de entrega de premios do OUFFescola 2011, un certame ao que se presentaron 60 traballos dunha vintena de colexios de toda Galicia. Nun evento conducido polos actores María Díaz e José Antonio Míguez, representantes dos colexios premiados encheron a sala principal do Auditorio Municipal de Ourense: chegaron dende o CEIP O Foxo (A Estrada), CEIP Carballedo (Cotobade), CEP MArcos da Portela (Pontevedra), EEI Milladoiro (Ames), CPR María Assumpta (Noia), IES Illa de Arousa, IES Fontem Albei (A Fonsagrada), IES Allariz, IES A Cachada (Boiro) e do Colexio Divina Pastora (Ourense).
O cadro de premiados quedou como segue:
Categoría Infantil e Primaria
EEI Milladoiro de Santiago. Que vén o lobo.
Mención especial xurado
CEP Marcos da Portela. Un soño reparador.
Premio Blanco Amor ao mellor guión.
CEIP O Foxo de Rubín, de A Estrada. Ser máis libres.
1º Premio
Premio do Público.
Secundaria e ensino non universitario
IES A Cachada de Boiro.
Mención especial do Xurado pola calidade dos tres traballos presentados.
IES Fontem Albei da Fonsagrada. Lois Pereiro.
Premio Blanco Amor ao mellor guión.
Colexio María Assumpta de Noia. Love Songs.
1º Premio
IES Illa de Arousa. O xefe Seattle: Salvaxe?
2º Premio
IES Allariz. O Abrigo de Marta.
Premio do Público