O FESTIVAL DE CINE EUROÁRABE AMAL PRESENTA A SÚA PROGRAMACIÓN COMPLETA

13 / 10 / 2011

A Galería Caroní da Fundación Araguaney-Puente de Culturas acolleu o pasado martes a presentación oficial da programación de Amal 2011. Na roda de prensa interviñeron: Ghaleb Jaber Martínez, Director do Festival Amal; D. José Ignacio Fariñas Rodríguez, Xerente Comercial Norte Iberia; D. Anxo Quintanilla Louzao, Director do Consorcio Audiovisual; D. José Luis Castro de Paz, Vicedecano da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC; Dna. Montse Besada Vergara, Xefa de Produción Allea da TVG; D. Juan Carlos Fernández Fasero, director da AGADIC e o alcalde de Santiago, D. Gerardo Conde Roa.

O director do festival, Ghaleb Jaber, expuxo ante os medios de comunicación o programa completo de actividades que se ofrecerán durante a semana de Amal. Un total de 26 películas, entre curtas e longas, que se proxectarán nas dúas sedes do Festival. A Galería Caroní, Rúa do Vilar 21, exhibirá proxeccións ás 12 do mediodía; mentras que no Teatro Principal exhibiranse ás 18,00, 20,00, 22,00 e 00,00 horas. Tamén haberá un Ciclo de Cine Infantil, con 2 curtametraxes para nenos, e o Ciclo de Cine Experimental, iniciativa na que colaboran varios centros de arte contemporáneo de Galicia proxectando nas súas sedes 8 curtametraxes de cine euroárabe.

Ademais de películas, o Festival Amal ven cargado de actividades. Os amantes da gastronomía poderán desfrutar da mellor cocina árabe, grazas á Semana Gastronómica de Cocina Árabe que organiza o Restaurante Caney. Haberá tamén obradoiros de cociña, danza e caligrafía árabe.

Outra das formas de coñecer a fondo a cultura de Oriente Medio é a través de Amal Informa, unha iniciativa na que, a través de cadros con información sobre as culturas árabe e europea, a xente poderá coñecer máis detalles sobre ambas. Para coñecer máis información sobre o resto de actividades que trae o Festival Amal 2011, pode consultarse a web: www.festivalamal.es

Tódalas personalidades que tiveron a oportunidade de intervir na roda de prensa, manifestaron o seu apoio a un festival de tal calado no outono de Santiago de Compostela. O alcalde de Santiago, Gerardo Conde Roa, non dubidou en comentar que “é una honra ter na nosa cidade un festival desta categoría, que emprega o cine, a arte e a gastronomía en particular, e a cultura en xeral, como instrumento para o diálogo entre Oriente Medio e Occidente”. Expuxo que o Festival Internacional de Cine Euroárabe Amal é hoxe en día un dos referentes máis importantes do xénero en Europa, encargado de achegar dúas culturas tan lonxe, pero en realidade tan preto. Ademais, engadiu que “nestes momentos de crise, é a cultura a que debe xogar o papel máis importante na sociedade”.

 

Categoría: Novas
Etiquetas: