O concelleiro de Servicios Sociais do Concello de A Coruña, Miguel Lorenzo, entregou o pasado martes os premios aos gañadores do III Certamen de Curtametraxes Socialcine Coruña 2011, reservado a obras cuxa temática incide en aspectos sociais como a xenofobia, o conflicto xeneracional, a explotación infantil, a violencia de xénero ou os roles sociais.
Socialcine é un programa do Concello de A Coruña que pretende fomentar o uso dos medios audiovisuais como ferramenta para concienciar á cidadanía en temas de carácter social. Presentáronse ao certame de curtametraxes convocado no seu seo total de 19 obras. Entre todas elas, o xurado acordou outorgar o primeiro premio, dotado con 1.000 euros, ao traballo EX-TRAN-GE, de Rogelio Fernández, “por saber enlazar o narrativo coa análise da historia recente, con enxeño e humor”. O segundo premio, dotado con 600 euros, foi para Ximena Losada e Marcos Nine, pola curta Losada, “un retrato familiar e unha descrición dun proceso vital avalado por unha plasmación sinxela, respectuosa e sutil”.
O terceiro premio, de 300 euros, recibiuno Brasilino, de Xurxo González, “pola súa exploración orixinal na memoria histórica ligada ás mellores mostras do documental de autor contemporáneo”. Trátase dunha peza onde a primacía do texto, o xogo coa simboloxía dos espazos e os lazos entre pasado e presente configuran uhna reflexión con plena vixencia. Por último, logra un accésit, de 100 euros, a curta de Ticiana Darriba Ghiglione Prince Charming, “polo seu uso persoal das técnicas de animación ao servizo dun relato crítico”.