ESTE DOMINGO NA TVG, O FÍO DO RETRATO “OITABÉN, A NATUREZA”

5 / 08 / 2011

TVG emite unha nova entrega de Ó Fío do retrato, que este domingo se achega ás terras de Beade, en Ourense, para falar con Pablo Rodríguez Oitabén, debuxante, pintor e, máis que nada, ecoloxista.

Nas verbas de Manuel Forcadela, Oitabén é, antes de máis, un defensor da terra, e de todos os seus habitantes, sexan estes humanos ou non. Os mouchos e os raposos, as curuxas e os cervos, teñen nel un grande amigo, o seu conselleiro e confesor, alguén fascinado por esa habenza e que teima en encontrar o modo de que o tesouro non se perda.

Estes animais dos nosos campos encontran en Pablo Oitabén o seu xeito de perdurar e de vivir, a brincar polas terras, a correr entre as xestas, devolvendo unha parte do equilibrio perdido a esta rexión de Galicia.

A terra é o seu asunto, o seu amor. E froito deste amor á terra xorde a Asociación Ridimoas e iniciativas como a compra dunha grande extensión de terreo para reserva natural e refuxio de especies ameazadas, unha extensión que medra co contributo de persoas interesadas no seu proxecto de conservación.

Pablo Rodríguez Oitabén é, tamén, artista plástico, partícipe da revista Vagalume que, durante moitos anos, dispuxo sobre a colectividade infantil de Galicia a maxia das súas historias e deseños e ficou como un dos fitos da historia da nosa banda deseñada. O retrato de Pablo poderémolo ver o domingo, ás 11.00 hrs. na TVG.


Ó fío do retrato

O Fío do retrato é un programa que se recrea na tradición oral de vidas, sementes da realidade galega que agroman por sí, polo seu peso específico, pola súa maneira persoal de encarar a existencia.

O Fío do retrato, dirixido por Yolanda del Campo baixo a produción executiva de Valentín Carrera e IBISAtv, está conducido polo singular fotógrafo Anxo Cabada, presentado por Nieves Rodríguez e conta coa colaboración do escritor Manuel Forcadela, co deseño de Uqui Cebra e a música de Rodrigo Romaní. 

Cámara en mán, Anxo Cabada participa dunha conversa na que se demora o tempo, na que o espectador aprenderá algo máis sobre quén somos e de onde vimos, a luz das experiencias alléas que tanto nos arriquecen cando somos quen de saber escoitar.

O último pescador da illa de Ons, una científica de prestixio, un naturista comprometido, unha caboverdiana galega, un artista polifacético… son algunhas das trece vidas con historia que poderemos ver cada domingo na TVG, Ó fío do retrato.

Categoría: Novas
Etiquetas: