O programa de cine “Baixo as estrelas” adicará a súa sesión deste venres 5 de agosto, ao Festival Euroárabe Amal. Proxectarase o documental galardoado na edición de 2009 do festival, A aldea dun só home, de Seeman Bil Day´ia, a partir das 23.00h na Praza de San Martiño.
Amal é ‘esperanza‘. Con esa premisa, e coa de aproximar ao público a realidade social e cultural árabe mediante a linguaxe universal do cine, nace en 2003 o Festival Internacional de Cine Euroárabe AMAL organizado pola Fundación Araguaney-Ponte de Culturas.
Porén, a proposta cultural de Amal vai máis aló do cine, o que pretende é amosar unha visión poliédrica do mundo árabe: exposicións, concursos, talleres de cine para nenos, masterclass de música e talleres de baile e cociña árabe foron algunhas das propostas que pasaron por Amal. O que vos ofrecemos este venres é A Aldea dun só home, elixido mellor documental na edición 2009 do Festival Amal.
> A ALDEA DUN SÓ HOME (Seeman Bil Day’ia. Líbano, 2008).
86 minutos | Xénero: Documental | Dirección, guión e montaxe: Simon El Habre | Produción: Simon El Habre, Jad Abi Khalil, Irit Neidhardt (Beirut DC) | Fotografía: Bassem Fayad, Marc Karam.
Festival de Dubai 2008: Premio Especial do Xurado
Hot Docs 2009: Mellor Longametraxe Internacional
Festival Amal 2009: Mellor Documental
SINOPSE: Semaan leva unha vida tranquila na súa granxa na aldea de Ain al-Halazoun nas montañas libanesas. A aldea foi completamente evacuada e destruída en combate durante a guerra civil do Líbano entre 1975 e 1990. Hoxe en día, anos despois da reconciliación oficial, os seus habitantes, que pertencen a unha mesma familia, volven para cultivar as súas terras ou visitar as súas casas, aínda que marchando sempre antes do solpor. Simon El Habre observa a vida desta aldea case pantasma e tenta reflectir a memoria individual e colectiva dun país que vive con amnesia e que é vulnerable a unha nova guerra civil.