“SINBAD” É A PRIMEIRA LONGAMETRAXE DA SERIE “UN MUNDO DE HISTORIAS”

17 / 06 / 2011

Sinbad está baseada na obra ‘Se o vello Sinbad volvese ás Illas’, de Álvaro Cunqueiro, de quen este ano se cumpre o centenario do seu nacemento, e 50 da publicación desta obra, motivo máis que suficiente para homenaxealo con este traballo audiovisual. Así o afirmou Mamen Quintas, produtora executiva da longametraxe e directora xerente de Ficción Producciones, quen afirmou que Sinbad “supón un paso adiante” nesta sexta entrega da serie “Un mundo de historias”, pero nesta ocasión rodada en formato longametraxe. Á rolda de prensa celebrada, asistiron ademais de Mamen Quintas, Fernando Madriñán, director de Programas de TVG; Juan Carlos Fasero, director de AGADIC; Antón Dobao, director e guionista de Sinvad, Xosé Manuel Olveira ‘Pico’, actor que da vida ó personaxe de Sinbad, e Segundo Grandío, compositor  da banda sonora.

Ficción Producciones intentou nesta produción, contratar aos mellores actores e actrices para os papeis requiridos polo guion, cuxa autoría “así como a dirección da longametraxe e a creación da serie completa- é de Antón Dobao. Profesionalidade e entrega emocional guiaron tamén a selección do equipo técnico para cada un dos procesos que require a longametraxe antes de proxectarse en pantalla, unha característica que resalta Mamen Quintas como tónica dos equipos desta empresa, “porque non só conta a técnica, senón tamén o corazón que se pon nas cousas”.

Do total do orzamento, 350.000 € foron produto do apoio á produción recibido en 2010 pola Axencia Galega de Industrias Culturais, AGADIC, e 275.000 foron o resultado do contrato asinado con TVG, cantidade na que se inclúen os dereitos e coprodución da película. O resto, achegouno a Produtora.

Pola súa parte, tanto Fernando Madriñán como Juan Carlos Fasero, referíronse a esta longametraxe como un produto galego de grandes espectativas, e o desexo e aposta pola emisión e distribución que permita difundir a obra, tanto dentro coma fóra de Galicia.

 

Antón Dobao 

O seu director e guionista, Antón Dobao, contou por que SINBAD e non outra obra de Cunqueiro, afirmando que “tratábase de adaptar a Cunqueiro; despois, seleccionar a obra, e ‘Se o Vello Sinbad…’ ofrece a posibilidade de reflexionar sobre os asuntos que caracteriza a obra literaria de Cunqueiro: os límites, se os houbese, entre o real e o imaxinario. A adaptación cinematográfica explora esa posibilidade”. Para Dobao, “hai máis obras de Cunqueiro esperando a ser adaptadas”, e non descarta volver a Don Álvaro.

Continuando o afirmado por Mamen Quintas, Dobao dixo que Un Mundo de Historias vai cubrindo etapas. “Arrincou en formato miniserie; despois elaboramos cinco películas para tv –tv movies-; e agora, tocaba a longametraxe. Creo que hoxe, no mercado televisivo actual, o formato tv movie non é rendible. É demasiado esforzo para un produto que acaba diluíndose nuns poucos pases de tv. É necesario que en Galicia vaiamos a produtos que poidan ter percorridos máis amplos, desde as salas de cine á emisión en tv, pasando pola explotación en internet, DVD, BlueRay, etc”.

Para Antón Dobao, o máis destacable da rodaxe foi “o marabilloso traballo dun equipo técnico e artístico dunha gran profesionalidade, dun enorme compromiso, e dunha calidade fóra de calquera dúbida”. E sobre o orzamento da longametraxe dixo que “as limitacións económicas non afectan ao que se quere contar, pero sí a como se quere contar. É inevitable xa que logo, que en certos detalles exista sempre algo que botamos en falta logo de rodar xa a película”. Dobao afirmou que “esta é unha historia común, de xente común, o que converte a SINBAD en extraordinaria, e a iso contribúen Cunqueiro, os actores… o que permitirá que a conexión co público sexa moi estreita”.

Amor, amizade, imaxinación, intelixencia, lealdade… son algúns dos elementos que para o director e guionista, ponse en xogo nesta película de personaxes. A súa aposta por SINBAD lévao a afirmar que “sigo considerando fundamental, e unha marca de calidade deste proxecto que nace e se desenvolve  en TVG, os tres eixos que conectan todos os produtos elaborados para UN MUNDO DE HISTORIAS: a literatura galega, a lingua galega e os actores e equipo técnico galegos. É a nosa forma de contribuír a pór en valor un campo audiovisual galego, autónomo, identificado como tal en Galicia e fóra de Galicia”.


Xosé Manuel Olveira ‘Pico’

Para o actor que dá vida na pantalla a SINBAD, Xosé Manuel Olveira “Pico”, “a rodaxe foi para min moi relaxado, a pesar da cantidade de texto que tiña. As paraxes de Corrubedo e os espectaculares arredores, así como o tempo, axudounos. De certo -afirma- foron unha especie de vacacións, aínda que traballando moito. Foi un pracer interpretar a SINBAD, un personaxe fantástico dun dos mellores escritores deste país, e para min un dos mellores fabuladores da literatura mundial. Eu, ademais, xa tivera a sorte de interpretar a Sinbad fai anos, en teatro, co Centro Dramático Galego, así que o personaxe érame moi familiar”.

Di “Pico” que “cando sexa maior, gustaríame ser un pouco como SINBAD, vivir neses mundos imaxinarios ou reais, pero sempre fantásticos, proque este que nos tocou vivir non me gusta nada. De calquera forma, sempre queda a maxia de contar e transmitir eses mundos fantásticos ás xeracións vindeiras”. Concluíu botando man dos desexos, os seus propios desexos, convencido de que “chegaremos ás Illas Cotovías polo Estreito de Miraquenbén, comeremos anguía cavorco, falaremos cos peixes papagaio, a serea Venadita bicaranos o embigo, poremos no Polo Norte un caravel e seguiremos soñando con Dona Alba… sempre”.

Pola súa banda, o autor da banda sonora, Segundo Grandío, explicou as dúas partes que ten a música da película; por unha banda a adaptación de temas clásicos de rock para ser interpretados por Aldán e a súa banda, e doutra banda, o que é a banda sonora na que aínda están en fase de composición e arranxos.

Queda só cumprir coas aspiracións que a Produtora Executiva anunciou, e que se concretan en algo que xa están a facer: traballar nun circuíto de exhibición, sendo a aspiración que se vexa en toda Galicia e, se é posible, noutras cidades do territorio español. “Temos pechado un circuíto con AGADIC para proxectarse en Centros dependentes da Consellería de Cultura”.

O feito de escoller o concello de Riveira, non foi nada casual, senón produto dunha traballosa procura da mellor contorna, praias abertas, vila pequena e mariñeira, ausencia de feísmos arquitectónicos…. E todo iso atopámolo en Riveira, entre Corrubedo e Palmeira. As secuencias urbanas trasladáronse á contorna de Santiago só por operatividade, e porque se conseguiron os interiores e exteriores que se necesitaban.

Categoría: Novas
Etiquetas: