DIRECTIVOS DAS PRINCIPAIS CADEAS DE TELEVISIÓN AVALIAN OS PROXECTOS DOS ALUMNOS DO MPXA NUNHA SESIÓN DE PITCHING

15 / 06 / 2011

Os alumnos do Máster en Produción e Xestión Audiovisual (MPXA) presentarán os seus proxectos que desenvolven ao longo do curso o próximo venres 17 de xuño, ante profesionais do sector audiovisual. Nesta ocasión o tribunal estará composto por Manuel Villanueva, director xeral de contidos de Telecinco; Sonia Martínez, directora de ficción de Antena 3; Rosa Vilas, directora de TVG; Pedro Revaldería, director xeral de Producciones Mandarina, e Alejandro Martínez, director xeral de contidos de Digital+.

Durante a sesión, os alumnos do MPXA, que é un título propio da Universidade da Coruña que desenvolve a Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre, deberán defender o proxecto individual no que traballaron, asesorados polos seus titores, durante os últimos meses. Esta será a segunda vez que o fagan neste curso, xa que no mes de marzo tiveron que enfrontarse a outro tribunal de expertos do audiovisual para expoñer as liñas básicas do seu traballo. Na presentación final do venres deberán utilizar a técnica de pitching para defender os seus proxectos, tras a cal o tribunal avaliará distintos aspectos de cada proposta e exporá as súas posibilidades reais de desenvolvemento.

Os encargados de xulgar o venres o traballo dos alumnos do Máster son destacados profesionais do sector que teñen realizado a súa labor profesional nas máis importantes cadeas e produtoras audiovisuais:

Villanueva levou a dirección de programas da Televisión de Galicia, Telecinco e Canal Plus e ocupou tamén o cargo de director de contidos de Antena 3. No 2006 regresou á a cadea privada na que comezara a súa andaina en Madrid, Telecinco, para exercer como director xeral de contidos.

Sonia Martínez ocupaba, ata a súa incorporación en Antena 3, o posto de directora da división de ficción de Telecinco, departamento do que foi tamén subdirectora. Con anterioridade, foi directora de produción de entretemento en Videomedia.

Rosa Vilas ingresou na Televisión de Galicia no 1989, onde dirixiu e presentou espazos informativos. Foi a primeira muller redactora xefe da empresa e exerceu o cargo de subdirectora dos servizos informativos. No 2009 foi nomeada directora da TVG.

Revaldería, director xeral de Producciones Mandarina e presidente de Evernia Media, foi durante máis de dous anos director xeral de Plural Entertainment. Anteriormente traballou como director de produción e contidos en Telecinco e en CITSA (Compañía Independente de Televisión de Sogecable), e como director de programas en Antena 3 e Canal+.

Alejandro Martínez formou parte do equipo fundacional de El Periódico de Catalunya e no 1982 empezou a traballar na redacción de El País, onde ten ocupado postos de responsabilidade –o último como subdirector do periódico–. En xuño de 2005, foi nomeado director de contidos de Digital+ e no 2009 director xeral.

En anteriores ocasións os membros do tribunal animaron a algúns dos alumnos a seguir co seu proxecto para a súa futura venda real a cadeas e produtoras. De feito, alumnos de anteriores edicións chegaron a desenvolver eles mesmos os seus proxectos nunha produtora.

 

Categoría: Novas
Etiquetas: