O Centro Galego de Artes da Imaxe comeza mañá martes día 14 de xuño un ciclo –que cubre toda a semana- dedicado a títulos que recollen os elementos de influencia e pisadas de François Truffaut no cine contemporáneo. Películas de Desplechin, Tsai Ming-liang, Hong Sang-soo, unha coñecida curta de Wes Anderson e un documental sobre a relación Godard-Truffaut forman un ciclo caracterizado pola súa insólita incidencia en estimulantes propostas fílmicas recentes.
A HERDANZA DE FRANÇOIS TRUFFAUT:
É posible rastrear as pisadas de François Truffaut no cine contemporáneo? Ata non hai moito podería parecer bastante difícil, dada a renitencia dos cineastas a recoñecer a súa influencia, máis palpable entre a cinefilia. Sen embargo, no curso dos últimos anos distintos cineastas, sorprendente e preferentemente asiáticos, non deixaron de facer explícito o seu recoñecemento ao autor de Los cuatrocientos golpes. Un dos primeiros foi Tsai Ming-liang en ¿Qué hora es?, onde recuperaba a Jean-Pierre Léaud e homenaxeaba ao mestre francés. Léaud volve a facer acto de presenza, con todo o peso simbólico que comporta, en Visage, a última longametraxe de Tsai e a única que até agora non programara o CGAI. Ao coreano Hong Sang-soo asóciaselle habitualmente máis con Eric Rohmer que con Truffaut, pero o espíritu deste último parece anidar en Oki’s Movie, unha película contaxiada do ánimo da Nouvelle Vague e protagonizada por personaxes masculinas enfermas de amor polas mulleres. Tamén Comment je me suis disputé… (Ma vie sexuelle), a segunda longametraxe de Arnaud Desplechin, pode verse como unha versión contemporánea d’El amante del amor cunha voz en off moi debedora de Henri-Pierre Roché. Desplechin é o cineasta francés que máis recoñeceu a influencia de Truffaut. Entre os norteamericanos esa honra corresponderíalle a Wes Anderson, cuxa curtametraxe Hotel Chevalier é unha homenaxe declarada a París e ao romanticismo do autor de Jules y Jim. Finalmente, este breve percorrido pola herdanza truffautiana conta cun documental, Deux de la vague, que reconstrúe os inicios da Nouvelle Vague a partires da relación entre François Truffaut e Jean-Luc Godard, coa figura de Jean-Pierre Léaud polo medio. Aínda que dirixido por Emmanuel Laurent, boa parte do crédito do documental hai que atribuírllo a Antoine de Baecque, biógrafo dos dous grandes cineastas e profundo coñecedor das circunstancias daquela conflitiva relación.
MARTES 14 DE XUÑO (18.00 e 20.45 horas)
HOTEL CHEVALIER
(Francia-Estados Unidos, 2007)
Dirección e guión: Wes Anderson. Produción: Fox, American Empirical Pictures e Première Heure. Fotografía: Robert Yeoman. Intérpretes: Jason Schwartzman, Natalie Portman. Duración: 13 minutos.
Dous ex amantes volven a atoparse na habitación dun hotel parisino. Curta concibida como prólogo da longametraxe Viaje a Darjeeling, planeada como unha peza autoproducida por Anderson. Ten un enorme éxito a través de iTunes Store e conta co fervor da crítica que ven a destacar o seu talento e intensidade, así como a laboriosa e delicada construcción narrativa.
OKI’S MOVIE
(Corea do Sul, 2010)
Dirección e guión: Hong Sang-soo. Produción: Jeonwonsa Film Co. Fotografía: Park Hong-yeol e Jee Yune-jeong. Intérpretes: Lee Sun-kyun, Jung Yu-mi. Duración: 80 minutos.
Triángulo amoroso estruturado en catro partes e desenvolvido ao longo do tempo, o mestre coreano Hong Sang-soo amosa as súas constantes. Desde a perspectiva sarcástica, a fluidez, o misterio ou a indagación na condición humana ata a as relacións entre sexos, pasando por personaxes emocionalmente insensibles.
MÉRCORES 15 DE XUÑO (18.00 e 20.45 horas)
VISAGE
(Taiwan-Francia-Bélxica-Holanda, 2009)
Dirección e guión: Tsai Ming-liang. Produción: JBA Production, Musée du Louvre, arte France Cinéma (Francia), Tarantula (Bélxica), Circe Films (Holanda) e Homegreen Films (Taiwán). Fotografía: Liao Peng-jung. Intérpretes: Fanny Ardant, Laetitia Casta, Jean-Pierre Lèaud. Duración: 138 minutos.
Un director taiwanés prepara un filme no Louvre francés. Os protagonistas? Un dos actores máis importantes da historia do cine francés –Jean-Pierre Léaud— e unha modelo. Os produtores queren romper a taquilla. En plena rodaxe, o director coñece a morte da súa nai. Visage, película francesa de Tsai Ming-liang, devén nunha homenaxe aberta e sentida a François Truffaut. Porén, Tsai Ming-liang non renuncia aos seus sinais de identidade: colorismo, un universo visual suntuoso e unha análise das soedades contemporáneas. Celebración do 50 aniversario da Nouvelle Vague.
XOVES 16 DE XUÑO (18.00 e 20.45 horas)
DEUX DE LA VAGUE
(Francia, 2009)
Dirección: Emmanuel Laurent. Guión: Antoine de Baecque. Produción: Films à Trois. Fotografía: Etienne de Grammont e Nick de Pencier. Duración: 93 minutos.
Excelente documento que relata a relación entre Godard e Truffaut. Froito dunha investigación do excelente crítico, historiador e biógrafo de Truffaut, Antoine de Baecque, unha fluida narración que volta á Nouvelle Vague con reparto de primeira (Aznavour, Belmondo, Anna Karina, Coutard, Bisset, Montand, Brialy, Signoret, Seberg, Rohmer, Langlois, o inevitable Léaud e un longo etcétera).
VENRES 17 DE XUÑO (20.00 horas) (¡!)
COMMENT JE ME SUIS DISPUTÉ…(MA VIE SEXUELLE)
(Francia, 1996)
Dirección: Arnaud Desplechin. Guión: Arnaud Desplechin e Emmanuel Bourdieu. Produción: France 2 Cinéma, Le Sept Cinéma e Why Not Productions. Fotografía: Eric Gautier, Stéphane Fontaine e Dominique Perrier-Royer. Intérpretes: Mathieu Amalric, Emmanuelle Devos. Duración: 178 minutos.
Paul atópase nun momento de elección vital. Mentres remata o seu doutoramento, debe elexir entre a súa moza de sempre ou comezar unha nova historia con algunha das súas amantes. Memorable película de Desplechin (Rois et reine; Cuento de Navidad), capaz de seducir ao espectador co magnífico Mathieu Amalric como protagonista, debedor do Charles Denner d’El amante del amor (1977) de Truffaut.