12 DOCUMENTAIS COMPITEN NO FESTIVAL XÓM 2011 DE BETANZOS

7 / 06 / 2011

Do 6 ao 11 de xuño levarase a cabo en Betanzos a cuarta edición do Festival Internacional de Cine Documental das Mariñas, Xanela ó Mundo (XÓM), organizado polo Concello da localidade coruñesa. O evento conta cunha sección oficial para a que foron seleccionados 12 traballos.

O eixo central do XÓM 2011 de Betanzos é a súa sección oficial, que presta especial atención aos documentais de temas sociais e aos procedentes dos países que constitúen a área iberoamericana. Participan na mesma 12 traballos, escollidos entre os 77 recibidos durante a convocatoria: Nosotras centroamericanas e X, la incógnita de Abel (que se exhibiron onte luns, 6 de xuño), La marcha de las mujeres e Distancias (o martes 7), Venezuela sur realista e La madrecita (o mércores 8), Copiad, copiad, malditos, Primero Dios e Defensora (o xoves 9), e Rebelde amanecer, El cine libertario e Notas de un emigrante (o venres 10). As proxeccións son na Sala Azul do edificio Liceo, ás 20:30 horas.

Todas estas obras optarán ao premio XÓM 2011 ao mellor traballo, dotado con 6.000 euros e diploma. O gañador sairá do resultado do promedio de tres votacións: a dos xuíces a título individual, a do xurado como órgano colectivo e a do público. O xurado integrarano, segundo se anunciou, Juan María Otero, José Luis Alvarez, Blanca Cendán, Susana Dans e Xosé Zapata. O premio darase a coñecer o sábado 11, na gala de clausura do Festival, que terá lugar no mesmo recinto e á mesma hora, e na que se visionarán o gañador e imaxes en 3D de Betanzos. Aparte das proxeccións, o evento galego inclúe obradoiros audiovisuais que propiciarán a creación de tres traballos, e seminarios de Steadycam e Oktokopter.

 

Categoría: Novas
Etiquetas: