PROGRAMACIÓN DE XUÑO NO CGAI

31 / 05 / 2011

Aquí tedes a programación do Centro Galego de Artes da Imaxe para o mes de xuño. Recordamos que nos meses de xullo e agosto o CGAI non terá programación.

*O CEO NA TERRA: NATHANIEL DORSKY, PHIL SOLOMON, ROBERT BEAVERS. En colaboración con (S8) II Mostra de Cinema Periférico (A Coruña) e La Casa Encendida (Madrid), un paseo pola obra de tres figuras fundamentais do cine experimental estadounidense recente. Presentacións coa presenza de Nathaniel Dorsky.

*FRANÇOIS TRUFFAUT / ANTOINE DOINEL. Os cinco títulos dirixidos por Truffaut que recorren a vida da personaxe de Antoine Doinel, encarnado polo actor Jean-Pierre Léaud.

*A HERDANZA DE FRANÇOIS TRUFFAUT. Outro foco da programación dedicado a Truffaut, a través da influencia de Truffaut en cineastas actuais, a veces doutras tradicións culturais: COMMENT JE ME SUIS DISPUTÉ…(MA VIE SEXUELLE) de Arnaud Desplechin; VISAGE de Tsai Ming-liang; OKI’S MOVIE de Hong Sang-soo; HOTEL CHEVALIER de Wes Anderson e o documental escrito por Antoine de Baecque DEUX DE LA VAGUE de Emmanuel Laurent, sobre a relación Godard-Truffaut e a Nouvelle Vague.

*VIDAS EXTREMAS: AS PELÍCULAS DE KAZUO HARA. Unha aproximación a este descoñecido e magnífico documentalista xaponés coa proxección dos seus 4 títulos.  

*Na sección de estreas “Fóra de serie” pase de GUEST con Master Class a cargo de Jose Luis Guerin e LA VIDA ÚTIL de Federico Veiroj.


FICHAS PROGRAMACIÓN XUÑO

GUY MADDIN:

WAITING FOR TWILIGHT   

(Canadá, 1997)

Dirección e guión: Noam Gonick. Produción: Marble Island Pictures e Wait Inc. Fotografía: Noam Gonick, Christie Léonard e Caelum Vatnsdal. Duración: 60 minutos.

A rodaxe de Twilight of the Ice Nymphs case finiquita a carreira de Maddin, envolto nunha odisea laboral (problemas cos produtores, imposición do reparto, traballo nun novo formato, 35 mm.). Afortunadamente, un documental de Noam Gonick recolle a estraña atmósfera xurdida. Narrada por Tom Waits, unha indagación no perfil creativo de Maddin, os seus inicios, filias, paixóns, entusiasmos e desesperacións.

FÓRA DE SERIE:

GUEST   

(España, 2011)

Dirección e fotografía: José Luis Guerin. Produción: Versus Entertainment e Roxbury Pictures. Duración: 133 minutos.

Durante a promoción por diversos festivais do mundo da película de José Luis Guerin En la ciudad de Sylvia (2007) -periodo de tempo entre setembro de 2007 e setembro do ano seguinte-, o propio director vagabundea cunha pequena cámara ao encontro dun motivo ou personaxe para a súa próxima obra, o que lle permite elaborar un singular filme-viaxe. Acompañado dunha Master-Class do autor que conterá unha valiosa e completa descrición do proceso de traballo.   

UNAS FOTOS EN LA CIUDAD DE SYLVIA    

(España, 2007)

Dirección e fotografías: José Luis Guerin. Produción e montaxe: Nuria Esquerra. Duración: 67 minutos.

Antes d’En la ciudad de Sylvia, Guerin traballa nunha serie de apuntes a base de retratos, fotos fixas e localización de exteriores. O material constitúe unha fascinante e insólita experiencia visual narrativamente independente do outro filme.

LA VIDA ÚTIL   

(Uruguai-España, 2010)

Dirección: Federico Veiroj. Guión: Inés Bortagaray, Federico Veiroj, Arauco Hernández e Gonzalo Delgado. Produción: Cinekdoque. Fotografía: Arauco Hernández. Intérpretes: Jorge Jellinek, Manuel Martínez. Duración: 70 minutos.

Co auxe do formato dixital, unha filmoteca ten que afrontar as transformacións que acontecen. A vida dun traballador desa filmoteca en Montevideo, Jorge, vai mudar drasticamente. Un filme libre, que acepta os desafíos e reinvencións da modernidade (formal, temática, descursiva) cunha composición depurada e multixenérica.  

O CEO NA TERRA. NATHANIEL DORSKY, PHIL SOLOMON, ROBERT BEAVERS:

En colaboración con: La Casa Encendida e (S8) 2ª Mostra de Cinema Periférico.

Comisariado por Garbiñe Ortega, “O Ceo na Terra. A multidimensionalidade no cine de vangarda norteamericano” é un ambicioso e revelador ciclo que propón un achegamento a catro dos autores estadounidenses experimentais -a colaboración co certame (S8) 2ª Mostra de Cinema Periférico en A Coruña permite que a cidade acolla noutro espazo a obra de Zoe Beloff en similares datas- onde a sensación de iconoclastia, beleza e emoción domina, construíndo unha auténtica fita, unha experiencia para o espectador máis avezado. Coproducido por La Casa Encendida, contamos coa presenza dun autor de magnetismo e recoñecemento crecentes, Nathaniel Dorsky que, logo da súa presenza no último Festival de Rotterdam, presentará tres das catro sesións dedicadas a el.        

“Segundo anuncian, pronto chegará a expansión dunha nova conciencia e seremos capaces de viaxar por novas dimensións. Este ciclo nos achega a catro realizadores norteamericanos que queren experimentalo antes a través do cine: Zoe Beloff actúa como médium entre o real e o imaxinario, e o seu universo único e ás veces estereoscópico, define a relación entre os distintos planos invisibles nos que vivimos; Phil Solomon, colaborador durante anos de Stan Brakhage, representa, mediante numerosas técnicas, a abstracción reflexiva e a emoción do que está na procura constante; Robert Beavers combina elegantemente a estética do mundo natural e da arte; e Nathaniel Dorsky, consegue revelar o pulso interno dos elementos e a cadencia da luz californiana, amosando que o experimental non está rifado coa beleza. A súa obra, que se presentará case íntegra, permitenos entrar nun estado hipnótico descoñecido ata agora no cine” (Garbiñe Ortega, comisaria).     


Distribución programas:

Nathaniel Dorsky: Cancións cinemáticas (Triste, 1978-1996; Alaya, 1976-1987; Arbor Vitae, 1999-2000), Luz sacra (Song of Solitude, 2005-2006; Pastourelle, 2010; Threnody, 2003-2004; The Visitation, 2002), Musica cíclica: Tres variacións e un tema (Sarabande, 2008; Compline, 2009; Aubade, 2010; Winter, 2007) e Meditación (Variations, 2002; Pneuma, 1977-1983; Love’s Refrain, 2000-2001). 

Phil Solomon: Revelacións nocturnas (Nocturne, 1980; The Exquisite Hour, 1989; Psalm li: Walking distance, 1999; Yes, I Said Yes, I Will, Yes, 1999; Seasons..., 2002, realizada xunto a Stan Brakhage) e O que queda por ver (What’s out Tonight is Lost, 1983; The secret garden, 1988; Remains to be seen, 1989; The Snowman, 1995; Last days in a lonely place, 2008).

Robert Beavers: A aura de todas as cousas (Ruskin, 1975-1997; Pitcher of Colored Light, 2007; The Suppliant, 2010) e Na procura (From the Notebook of..., 1971-1998; The Stoas, 1991-1997).

Agradecementos: Nathaniel Dorsky, Phil Solomon, Robert Beavers, Light Cone (Francia).

 

PROGRAMA ROBERT BEAVERS (I): A AURA DE TODAS AS COUSAS

Todas as películas de Robert Beavers, colaborador habitual de Gregory Markopoulos, reflicten o seu intenso estudo da poesía, a música, a pintura e a arquitectura. Herdeiro de pensadores e escritores como Leonardo Da Vinci ou John Ruskin, rescata a mirada renacentista cara ao mundo natural e o creado polo home.  

RUSKIN   

(Estados Unidos, 1975-1997)

Dirección: Roberte Beavers. Duración: 45 minutos.

Beavers vai na procura das localizacións que o escritor británico John Ruskin describe na súa obra: Londres, os Alpes e, sobre todo, Venecia. Camiña tras os pasos da súa estética, mimetizándose con Las piedras de Venecia. 

                            

PITCHER OF COLORED LIGHT   

(Estados Unidos, 2007)

Dirección: Robert Beavers. Duración: 24 minutos.

O melancólico diario persoal dun home adulto que evoca momentos da infancia. A súa nai vella no xardín, luces e sombras, soedade e calma; a memoria comeza a rodar.   

                                 

THE SUPPLIANT     

(Estados Unidos, 2010)

Dirección: Robert Beavers. Duración: 5 minutos.

Unha estatua de bronce, réplica dunha escultura grega que se atopa no Altes Museum de Berlín, mira cara ao ceo coas mans abertas. Última peza ata a data de Beavers.                                                                               

PROGRAMA PHIL SOLOMON (II): O QUE QUEDA POR VER

Phil Solomon presenta ás súas pezas de xeito cronolóxico amosando a beleza do seu traballo, a forza emocional e melancólica das imaxes. 

WHAT’S OUT TONIGHT IS LOST   

(Estados Unidos, 1983)

Dirección: Phil Solomon. Duración: 8 minutos.

“A peza comezou como resposta a unha relación evaporada, pero gradualmente comezou a anticipar outras desaparicións inminentes: a mocidade, familia, amigos, tempos,…” (Phil Solomon).                             

THE SECRET GARDEN   

(Estados Unidos, 1988)

Dirección: Phil Solomon. Duración: 20 minutos.

Unha leve historia que pelexa coa desaparición da inocencia, e invoca por igual terror e éxtase.                                      

REMAINS TO BE SEEN   

(Estados Unidos, 1989)

Dirección: Phil Solomon.. Duración: 17 minutos.

Filme melancólico dedicado á memoria da nai do autor. Un dos dez mellores títulos de todos os tempos segundo Stan Brakhage.

THE SNOWMAN   

(Estados Unidos, 1995)

Dirección: Phil Solomon. Duración: 8 minutos.

“Unha meditación sobre o recordo, o enterro e a descomposición. Un kaddish tardío para o meu pai” (Phil Solomon).

LAST DAYS IN A LONELY PLACE   

(Estados Unidos, 2008)

Dirección: Phil Solomon. Duración: 22 minutos.

“Adeus meus amigos, adeus meus queridos, se fun brusca, perdoade a miña febleza. Adeus meus amigos, adeus ás festas da tarde, lembrádeme en primavera, gañándote o teu propio pan, pronto deberás marcharte. Lembra ás túas familias e traballa polos teus fillos. Non preciso demasiado, canto maior son máis me dou de conta de que as miñas amizades leváranme, sexa cal sexa a distancia do recorrido, sexa cal sexa a razón da mágoa, os amigos que quedan bailarán comigo. Non preciso máis, isto é o que necesito“ (P. J. Harvey, Before Departure).                                     

PROGRAMA ROBERT BEAVERS (II): NA PROCURA

Todas as películas de Robert Beavers, colaborador habitual de Gregory Markopoulos, reflicten o seu intenso estudo da poesía, a música, a pintura e a arquitectura. Herdeiro de pensadores e escritores como Leonardo Da Vinci ou John Ruskin, rescata a mirada renacentista cara ao mundo natural e o creado polo home.  

FROM THE NOTEBOOK OF…   

(Estados Unidos, 1971-1998)

Dirección: Robert Beavers. Duración: 48 minutos.

O libro Introducción ao método de Leonardo Da Vinci (1895) de Paul Valéry, inflúe de xeito moi evidente a Beavers á hora de filmar esta película. Realizada á temprana idade de 22 anos, está considerada unha das súas grandes obras.                                          

THE STOAS   

(Estados Unidos, 1991-1997)

Dirección: Nathaniel Dorsky. Duración: 22 minutos.

Feita de imaxes tomadas nos soportais desérticos de Atenas á hora da sesta; mentres, as augas fluén nun río próximo.                                      

PROGRAMA NATHANIEL DORSKY (II). LUZ SACRA

Nathaniel Dorsky, cineasta xa clásico da vangarda norteamericana, ten dúas grandes motivacións: as posibilidades da luz e o silencio, e a exploración dese campo de enerxía creado entre a pantalla e o espectador. Mestre da montaxe, as catro programas a el dedicados nos sumerxen nun universo exquisito e hipnótico.   

SONG AND SOLITUDE   

(Estados Unidos, 2005-2006)

Dirección: Nathaniel Dorsky. Duración: 21 minutos.

Delicada expresión dunha paisaxe interior. Cine no que converxen corazón e alma.                     

PASTOURELLE   

(Estados Unidos, 2010)

Dirección: Nathaniel Dorsky. Duración: 16 minutos.

Último traballo de Dorsky ata a data, gañadora do Premio á mellor curtametraxe no Festival Internacional de Cine de Róterdam. Filme devoto, irmán da súa peza Aubade (2010).  

THRENODY     

(Estados Unidos, 2003-2004)

Dirección: Nathaniel Dorsky. Duración: 20 minutos.

Oración pola morte do seu amigo, o influínte realizador experimental Stan Brakhage.                                          

THE VISITATION     

(Estados Unidos, 2002)

Dirección: Nathaniel Dorsky. Duración: 18 minutos.

Unha revelación lumínica máis grande que nós…                                   

PROGRAMA NATHANIEL DORSKY (III). MÚSICA CÍCLICA: TRES VARIACIÓNS E UN TEMA

Nathaniel Dorsky, cineasta xa clásico da vangarda norteamericana, ten dúas grandes motivacións: as posibilidades da luz e o silencio, e a exploración dese campo de enerxía creado entre a pantalla e o espectador. Mestre da montaxe, as catro programas a el dedicados nos sumerxen nun universo exquisito e hipnótico.   

SARABANDE   

(Estados Unidos, 2008)

Dirección: Nathaniel Dorsky. Duración: 15 minutos.

Peza con forma musical.  

COMPLINE   

(Estados Unidos, 2009)

Dirección: Nathaniel Dorsky. Duración: 19 minutos.

Final dun ciclo. Unha sentida despedida á película de Kodachrome coa que Dorsky traballou durante anos.                                             

AUBADE   

(Estados Unidos, 2010)

Dirección: Nathaniel Dorsky. Duración: 12 minutos.

O sol sae e oa amantes precisan marcharse lonxe. Primeira película do novo ciclo.                                

WINTER   

(Estados Unidos, 2007)

Dirección: Nathaniel Dorsky. Duración: 19 minutos.

Un breve periodo de sombras agocha á protagonista de case toda a obra de Dorsky: a luz da cidade de San Francisco.  

 

PROGRAMA NATHANIEL DORSKY (IV): MEDITACIÓN

Nathaniel Dorsky, cineasta xa clásico da vangarda norteamericana, ten dúas grandes motivacións: as posibilidades da luz e o silencio, e a exploración dese campo de enerxía creado entre a pantalla e o espectador. Mestre da montaxe, as catro programas a el dedicados nos sumerxen nun universo exquisito e hipnótico.   

VARIATIONS   

(Estados Unidos, 1992-1998)

Dirección: Nathaniel Dorsky. Duración: 24 minutos.

Esta peza representa a procura de revelacións visuais do seu autor.                                          

PNEUMA   

(Estados Unidos, 1977-1983)

Dirección: Nathaniel Dorsky. Duración: 27 minutos.

Na filosofía estoica, pneuma é a alma ou o vento ardente que impregna o corpo.                                     

LOVE’S REFRAIN   

(Estados Unidos, 2000-2001)

Dirección: Nathaniel Dorsky. Duración: 23 minutos.

Unha porta abrese, convidándonos a seguir a nosa intuición.  

FRANÇOIS TRUFFAUT / ANTOINE DOINEL:

Logo dunha indómita traxectoria como crítico e da dirección de tres curtametraxes, o cineasta francés François Truffaut (1932-1984) realiza a súa exitosa ópera prima Los cuatrocientos golpes (1959). O filme, moi persoal, amargo e con abundantes compoñentes autobiográficos, aproximábase á complexa infancia dun cativo con problemas de adaptación ao seu contorno chamado Antoine Doinel, papel interpretado polo adolescente Jean-Pierre Léaud, logo actor emblemático do seu cine e, por extensión, de relatos de autor esixentes e laboriosos. Truffaut, nunha singular operación, decide volver a radiografar a personaxe percorrendo épocas e itinerarios da súa xuventude: o episodio Antoine et Colette (1962) –onde lanza o personaxe de Colette, interpretado pola recén falecida Marie-France Pisier- do filme El amor a los veinte años; Besos robados (1968) e Domicilio conyugal (1970). Vinte anos de Antoine Doinel (e da sociedade francesa) desenvólvense entre a primeira incursión e a quinta e última, a recapitulación ou mosaico que extrae fragmentos das anteriores El amor en fuga (1979).

No prólogo ao seu libro Les aventures de Antoine Doinel (1970), volume que acolle os guións e notas de traballo dos por entón catro achegamentos a Doinel, Truffaut relata unha anécdota clarividente. Logo dun pase televisivo de Besos robados, entra á mañá seguinte nunha taberna descoñecida. O camareiro, como acontecerá outras veces, mestura no seu maxín cineasta e actor e lle espeta: “Esa película fíxoa hai tempo, non? Era vostede máis novo…”. Ambos os dous autodidactas sensibles, individualistas e impulsivos, bordeando a delincuencia e o naufraxio vital na súa mocidade, a fantasía sen límite e certo carácter entrañable van redimir o seu tránsito á madurez –lugar de chegada finalmente imposible para Léaud-, un conxunto de circunstancias que lle serven a Truffaut nesta serie de títulos para formular unha moi particular relación co ser humano e o seu tempo, mentres exercita un delicioso e agridoce xogo de espellos.    

LES 400 COUPS / LOS CUATROCIENTOS GOLPES   

(Francia, 1959)

Dirección: François Truffaut. Guión: François Truffaut e Marcel Moussy, sobre un argumento do primeiro. Produción: S.E.D.F. e Les Films du Carrosse. Fotografía: Henri Decae. Intérpretes: Jean-Pierre Léaud, Claire Maurier, Albert Rémy. Duración: 93 minutos.

Un cativo de trece anos, Antoine Doinel, leva unha problemática vida co seu padrastro e a súa nai. Doinel é un cativo soñador, inconformista, en parte asocial, que difícilmente soporta o mundo familiar cheo de amargura. Unha mentira escolar faille meditar na fuxida. Primeira (e mítica) película de Truffaut, un dos filmes que axudaron a construir a Nouvelle Vague. Comezada a rodar un día antes da morte do seu mestre André Bazin, foi premiada en Cannes e tivo un importante éxito de público. Aparicións de Jeanne Moreau e Jean-Claude Brialy.

ANTOINE ET COLETTE     

(Francia, 1962)

Dirección e guión: François Truffaut. Produción: Ulyses Productions e Unitec. Fotografía: Raoul Coutard. Intérpretes: Jean-Pierre Lèaud, Marie-France Pisier. Duración: 32 minutos.

Episodio do filme El amor a los veinte años (os restantes segmentos están dirixidos por Renzo Rossellini, Andrzej Wajda, Shintaro Ishihara e Marcel Ophuls) que responde ao vencello dun esgotado Truffaut –logo de Jules y Jim– a Doinel. Antoine Doinel ten agora 17 anos, vive nun hotel e traballa para o departamento de discos da casa Philips. Nun concerto coñece a Colette, da que rapidamente namora. 

BAISERS VOLÉS / BESOS ROBADOS   

(Francia, 1968)

Dirección: François Truffaut. Guión: Claude de Givray, Bernard Revon e François Truffaut. Produción: Les Films du Carrosse e Les Productions Artistes Associés. Fotografía: Denys Clerval. Intérpretes: Jean-Pierre Lèaud, Delphine Seryg, Claude Jade, Michel Lonsdale. Duración: 90 minutos.

Degradado no exército pola súa inestabilidade psíquica, Antoine Doinel regresa á vida civil. Namórase ao tempo que transita por sucesivos empregos. Deliciosa e traxicómica, anacrónico e romántico Doinel –favorecido polo aumento de rexistros e seguridade de Léaud, para entón xa tamén actor emblemático fetiche de Godard-, unha auténtica antoloxía da comedia (aparentemente) lixeira preto de autores como Renoir e Lubitsch. A rodaxe deste proxecto, que Truffaut tiña en mente desde 1965, coincide coa tentativa de eliminar a Langlois como máximo responsable da Cinémathèque, liminar de maio do 68 e da anulación de Cannes. Finalista ao Oscar á mellor película estranxeira.        

DOMICILE CONJUGAL / DOMICILIO CONYUGAL   

(Francia, 1970)

Dirección: François Truffaut. Guión: Claude de Givray, Bernard Revon e François Truffaut. Produción: Les Films du Carrosse, Valoria Films e Fida Cinematografía. Fotografía: Néstor Almendros. Intérpretes: Jean-Pierre Léaud, Claude Jade. Duración: 100 minutos.

Antoine Doinel ten agora 26 anos e aparece casado con Christine. Ela é profesora particular de violín, Doinel tinta flores. Un peculiar grupo de veciños, o gusto pola digresión, o áxil ritmo (influido, como ben sinalan Antoine de Baecque e Serge Toubiana, polas comedias de Hawks, McCarey ou Capra), a fotografía do español Néstor Almendros e un ton máis burlesco definen a película e a relación establecida por Truffaut coa súa época.  

L’AMOUR EN FUITE / [EL AMOR EN FUGA]  

(Francia, 1979)

Dirección: François Truffaut.. Guión: Suzanne Schiffman, Jean Aurel, Marie-France Pissier e François Truffaut. Produción: Les Films du Carrosse. Fotografía: Néstor Almendros. Intérpretes: Jean-Pierre Léaud, Marie-France Pisier. Duración: 94 minutos.

O fracaso económico de La chambre verte (1977) leva a Truffaut a renunciar a varios proxectos. Con dúbidas e aprensións, o director decide realizar un recorrido ou síntese da personaxe de Doinel, unha disección dos seus perennes problemas de integración, a súa inmadurez, favorecendo o uso de metraxe apropiada de parte da súa propia filmografía (uns 20 minutos). Doinel traballa agora como corrector nunha imprenta e tamén escribe novelas. Está separado de Christine. Éxito de público e César á mellor partitura (Georges Delerue), aínda que non chegaría a estrearse comercialmente en España. 

A HERDANZA DE FRANÇOIS TRUFFAUT:

HOTEL CHEVALIER   

(Francia-Estados Unidos, 2007)

Dirección e guión: Wes Anderson. Produción: Fox, American Empirical Pictures e Première Heure. Fotografía: Robert Yeoman. Intérpretes: Jason Schwartzman, Natalie Portman. Duración: 13 minutos.

Dous ex amantes volven a atoparse na habitación dun hotel parisino. Curta concibida como prólogo da longametraxe Viaje a Darjeeling, planeada como unha peza autoproducida por Anderson. Ten un enorme éxito a través de iTunes Store e conta co fervor da crítica que ven a destacar o seu talento e intensidade, así como a laboriosa e delicada construcción narrativa.

OKI’S MOVIE     

(Corea do Sul, 2010)

Dirección e guión: Hong Sang-soo. Produción: Jeonwonsa Film Co. Fotografía: Park Hong-yeol e Jee Yune-jeong. Intérpretes: Lee Sun-kyun, Jung Yu-mi. Duración: 80 minutos.

Triángulo amoroso estruturado en catro partes e desenvolvido ao longo do tempo, o mestre coreano Hong Sang-soo amosa as súas constantes. Desde a perspectiva sarcástica, a fluidez, o misterio ou a indagación na condición humana ata a as relacións entre sexos, pasando por personaxes emocionalmente insensibles.

VISAGE   

(Taiwan-Francia-Bélxica-Holanda, 2009)

Dirección e guión: Tsai Ming-liang. Produción: JBA Production, Musée du Louvre, arte France Cinéma (Francia), Tarantula (Bélxica), Circe Films (Holanda) e Homegreen Films (Taiwán). Fotografía: Liao Peng-jung. Intérpretes: Fanny Ardant, Laetitia Casta, Jean-Pierre Lèaud. Duración: 138 minutos.

Un director taiwanés prepara un filme no Louvre francés. Os protagonistas? Un dos actores máis importantes da historia do cine francés –Jean-Pierre Léaud— e unha modelo. Os produtores queren romper a taquilla. En plena rodaxe, o director coñece a morte da súa nai. Visage, película francesa de Tsai Ming-liang, devén nunha homenaxe aberta e sentida a François Truffaut. Porén, Tsai Ming-liang non renuncia aos seus sinais de identidade: colorismo, un universo visual suntuoso e unha análise das soedades contemporáneas. Celebración do 50 aniversario da Nouvelle Vague.

DEUX DE LA VAGUE    

(Francia, 2009)

Dirección: Emmanuel Laurent. Guión: Antoine de Baecque. Produción: Films à Trois. Fotografía: Etienne de Grammont e Nick de Pencier. Duración: 93 minutos.

Excelente documento que relata a relación entre Godard e Truffaut. Froito dunha investigación do excelente crítico, historiador e biógrafo de Truffaut, Antoine de Baecque, unha fluida narración que volta á Nouvelle Vague con reparto de primeira (Aznavour, Belmondo, Anna Karina, Coutard, Bisset, Montand, Brialy, Signoret, Seberg, Rohmer, Langlois, o inevitable Léaud e un longo etcétera).  

COMMENT JE ME SUIS DISPUTÉ…(MA VIE SEXUELLE)   

(Francia, 1996)

Dirección: Arnaud Desplechin. Guión: Arnaud Desplechin e Emmanuel Bourdieu. Produción: France 2 Cinéma, Le Sept Cinéma e Why Not Productions. Fotografía: Eric Gautier, Stéphane Fontaine e Dominique Perrier-Royer. Intérpretes: Mathieu Amalric, Emmanuelle Devos. Duración: 178 minutos.

Paul atópase nun momento de elección vital. Mentres remata o seu doutoramento, debe elexir entre a súa moza de sempre ou comezar unha nova historia con algunha das súas amantes. Memorable película de Desplechin (Rois et reine; Cuento de Navidad), capaz de seducir ao espectador  co magnífico Mathieu Amalric como protagonista, debedor do Charles Denner d’El amante del amor (1977) de Truffaut.

VIDAS EXTREMAS: AS PELÍCULAS DE KAZUO HARA:

SAYONARA CP / GOODBYE CP  

(Xapón, 1972)

Dirección, fotografía e produción: Kazuo Hara. Duración: 82 minutos.

Nunha rúa de Yokohama, Yokota Hiroshi, poeta con parálise cerebral, amosa orgulloso o seu corpo espido, un xesto que Hara enfatiza: “Resulta difícil mirar o corpo da xente discapacitada, así que iso é o que quería amosar”. Hara dalles voz e os libera do rol de víctimas. Eliminando calquera pisada de empatía simplista forza ao espectador a examinar os seus medos.

GOKUSHITEKI EROSU: RENKA 1974 / EXTREME PRIVATE EROS: LOVE SONG    

(Xapón, 1974)

Dirección e fotografía: Kazuo Hara. Produción: Shisso Production. Duración: 98 minutos.

Rodada durante varios anos, Kazuo Hara segue os pasos da súa ex-muller, a activista feminista Miyuki Takeda, coa que conviviu tres anos e coa que tivo unha filla. Formulada como un achegamento radical á intimidade da protagonista, Hara trata cuestións como o desamor, o sexo, as inseguridades humanas e as políticas de xénero. Inesquecible estudo da ideoloxía, filosofía e política xaponesas nun periodo marcado polas turbulentas relacións de posguerra con Estados Unidos.

YUKI YUKITE SHINGUN / THE EMPEROR’S NAKED ARMY MARCHES ON    

(Xapón, 1987)

Dirección, guión e fotografía: Kazuo Hara. Produción: Shisso Production, Imamura Productions e Zanzou-sha. Duración: 122 minutos.

Documental rodado durante cinco anos, ten como protagonista a Okuzaku Kenzo, un home de 62 anos, supervivinte da campaña de Nova Guinea da Segunda Guerra Mundial, famoso por atentar contra o Emperador acusándoo de cometer crimes de guerra. Cando Okuzaki emprende a investigación do asasinato de dous membros dun escuadrón a mans dos seus superiores, a súa procura, organizada mediante duros interrogatorios, vaise tornando cada vez máis violenta. Unha incisiva exploración dos conceptos de memoria e culpa colectiva, temas moi ignorados no Xapón moderno.

ZENSHIN SHOSETSUKA / A DEDICATED LIFE   

(Xapón, 1994)

Dirección, guión e fotografía: Kazuo Hara. Produción: Shisso Production. Duración: 157 minutos.

Retrato íntimo do literato japonés Mitsuharu Inoue, éste documental relata a súa loita contra un cancro de fígado. Nado en 1926, Inoue foi membro do Partido Comunista e o seu libro Chi no Mure nomeado ao galardón máis importante do país. Na intimidade, o escritor revélase como un ser contraditorio e complexo: por unha parte, admirado por alumnos e colegas; por outra, con ínfulas de conquistador empedernido e un mentiroso desvergoñado.

OFF GALICIA:

En colaboración con: Academia Galega do Audiovisual.

A proxección dun importante título que non tivo o acomodo merecido nas salas, Rafael (2008) de Xavier Bermúdez, e a estrea dun documental de intervención que mestura dous tempos históricos quizais non tan disímiles, Doli, Doli, Doli,…as conserveiras. Rexistro de traballo (2011) de Uqui Permuy, abren camiño a un especial dedicado aos últimos Premios Mestre Mateo: mellor longametraxe (18 comidas), longametraxe documental (dúas: Jazz en liberdade e Man Fred, home sen paz), película para televisión (Mar libre) e documental (Radiografía dun autor de tebeos), co colofón -resultado dun acordo obtido pola Academia Galega do Audiovisual- dun dos Premis Gaudí, á súa vez con participación galega (A Tropa de Trapo).    

Agradecementos: Xavier Bermúdez, Xamalú Films, Uqui Permuy, Marisela Lens, Fernanda del Nido, Jorge Coira, Xes Chapela, Simón Vázquez, Dani de la Torre, Marcos Nine, Continental, Acadèmia del Cinema Català.

JAZZ EN LIBERDADE   

(España, 2010)

Dirección e guión: Xes Chapela. Produción: Matriuska Producciones SL. Fotografía: Luis de Santiago. Duración: 75  minutos.

Mestre Mateo á mellor longametraxe documental. Unha pequena vila mariñeira convértese trinta anos despois no epicentro da música jazz na Península Ibérica. Os protagonistas lembran aquel tempo e reconstrúen as experiencias a través da investigación de dous mozos locais. Documental musical que rememora a ritmo de jazz os días nos que Cangas do Morrazo era o lugar de encontro dalgúns dos mellores músicos de jazz de España.

MAN FRED, HOME SEN PAZ   

(España, 2010)

Dirección: Simón Vázquez. Guión: Simón Vázquez e David Formoso. Produción: Infernos.tv SL. Fotografía: Jaime Fernández Cuña. Duración: 72 minutos.

Mestre Mateo á mellor longametraxe documental. Narra a vida de Manfred Gnädinger a partir do ano 1961. Nun recuncho da Costa da Morte, Man crea  unha interrelación co medio, un mundo propio onde desenvolver a súa arte. Man consideraba a arte como necesidade primordial, polo que prefire vivir con ela e sen outros recursos materiais. Sufre dous sucesos que lle marcan: a construcción do dique de abrigo, que mutila o seu espazo artístico, e a marea negra do Prestige, que o sume nunha profunda depresión que o leva á morte no Nadal de 2002.

MAR LIBRE   

(España, 2010)

Dirección: Daniel de la Torre. Guión: Daniel Sáez de Parayuelo, Victoriano Sierra, Alberto Guntín e Daniel de la Torre. Produción: Ficción Producciones e Televisión de Galicia. Fotografía: Suso Bello. Intérpretes: William Miller, Luis Zahera, María Vázquez. Duración: 161 minutos.

Mestre Mateo á mellor película para televisión. 1789. Na costa de Galicia medra unha próspera industria da conserva de sardiña; os fomentadores cataláns, impulsores, recollen o beneficio da súa visión de negocio. Un deles, Amadeo Curt, explota aos pescadores, amasando fortuna e poder con métodos indignos. Os pescadores, cansos e impotentes, non atopan solución. A chegada de Anxo Estrada, Capitán da Real Armada, quince anos despois da súa marcha do pobo por culpa do fomentador catalán, axudará ao pobo. Iníciase unha revolta.

RADIOGRAFÍA DUN AUTOR DE TEBEOS   

(España, 2010)

Dirección e guión: Marcos Nine. Produción: Setemedia, Marcos Nine Búa e Alicia Veira. Fotografía: . Duración: 20 minutos.

Mestre Mateo ao mellor documental. Unha viaxe a través do imaxinario dun dos autores de tebeos galegos máis importantes do momento: David Rubín.

A TROPA DE TRAPO / LA TROPA DE TRAPO EN EL PAÍS DONDE SIEMPRE BRILLA EL SOL   

(España, 2010)

Dirección: Alex Colls. Guión: Lola Beccaria. Produción: Abano Producións, Anera Films e Continental Producciones. Duración: 74 minutos.

O día que a vaca Murnu descobre, mentres xoga cos seus amigos Milo, Rita, Talalo, Alfred e Olga, un branquísimo rebaño de ovellas pastando, non pode evitar comparar o seu níveo aspecto co deles, A Tropa de Trapo. Feitos con tecidos de diferente estampado, Murnu ten envexa do aspecto das ovellas. Coprodución de animación galego-catalana.   

           

Etiquetas: